Becerreá contará, en pouco tempo, con novas infraestruturas para a práctica do deporte, xa que o concello vai contratar a construción dunha pista de padel e un circuíto Pumptrack. Un circuíto de pump track é un espazo pechado de asfalto, terra ou madeira con curvas peraltadas, montículos (ou badéns) e saltos no que se debe aprender a bombear para aproveitar o teu propio impulso e as inercias que se xeran.
Para construír estas dúas infraestruturas aportará todos os terreos necesarios para a normal execución das obras, libres de cargas e gravames, así como todos os permisos e autorizacións exixibles para a súa execución.
Agora o proxecto someterase ao trámite no taboleiro de anuncios da sé electrónica do Concello de Becerreá para os efectos da presentación de alegacións. De non formularse reclamacións en tempo hábil, esta aprobación será elevada a definitiva sen máis trámite. A continuación aprobarase o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado e tramitación ordinaria, para a execución de ditas obras.