A Deputación de Lugo quédanlle dez días para que poña mans a obra, nunca mellor dito, e remate as necesarias para a apertura da residencia e centro de día de Becerreá. O Concello, por medio dun despacho de avogados, presentou o pasado 16 de febreiro escrito diante da Deputación para que o ente provincial remate as obras da residencia a maior brevidade.
No escrito comunícalle á institución provincial que “a Deputación Provincial incumpriu a súa obrigación de poñer en funcionamento o centro de día e residencia no prazo estipulado polo Convenio, que finalizou o 19 de decembro de 2023. O edificio foi terminado en marzo de 2022 e, desde entón, a Deputación non realizou ningunha actuación para a súa apertura ao público e posta en funcionamento” o que para o concello pode levar á resolución do convenio e isto podería derivar en “posibles responsabilidades da Deputación Provincial, en caso de persistir no incumprimento do Convenio” e continúa “finalmente, ante a gravidade da situación, o Concello de Becerreá vese obrigado a expoñer ante a Deputación Provincial as responsabilidades nas que poderían incorrer a Deputación e as persoas responsables do incumprimento do Convenio. Ademais, “debemos sinalar que o Concello podería expor que se declare a resolución do Convenio por incumprimento culpable da Deputación, coa consecuente indemnización dos danos e prexuízos sufridos polo patrimonio da Corporación Municipal, con arranxo ao artigo 51.2 c) da Lei 40/2015: “ Son causas de resolución: […] O incumprimento das obrigacións e compromisos asumidos por parte dalgún dos asinantes. Neste caso, calquera das partes poderá notificar á parte incumpridora un requirimento para que cumpra nun determinado prazo coas obrigacións ou compromisos que se consideran incumpridos. Este requirimento será comunicado ao responsable do mecanismo de seguimento, vixilancia e control da execución do convenio e ás demais partes asinantes. Se transcorrido o prazo indicado no requirimento persistise o incumprimento, a parte que o dirixiu notificará ás partes asinantes a concorrencia da causa de resolución e entenderase resolvido o convenio”.
Se isto se producise,(a resolución do convenio), di no escrito o Concello de Becerreá “poderá conlevar a indemnización dos prexuízos causados se así se previu”. O ente municipal sinala que os danos e prexuízos que lle provocou o incumprimento do Convenio “corresponderíanse, como mínimo, cos seguintes conceptos: A achega de 300.000 euros, que foi realizada pola Corporación Municipal co propósito de que o edificio fose destinado a residencia e centro de día. Ao non destinarse o edificio á finalidade estipulada, o importe de 300.000 euros devén un dano para o patrimonio do Concello.
Tamén o valor da leira con referencia catastral 0562501PH5406S0001EF, que o Concello cedeu gratuitamente para que puidese ser destinada á construción da residencia e centro de día. Ademais de facultar ao Concello para esixir a indemnización de danos e prexuízos, debemos destacar que o incumprimento do Convenio podería determinar a esixencia de responsabilidades fronte ás autoridades e funcionarios da Deputación Provincial.
En concreto, debemos destacar os seguintes extremos: A falta de posta en funcionamento da residencia vai producir unha deterioración progresiva da edificación, a cal, se atendemos aos termos do Convenio, requiriu unha dotación orzamentaria de 2.000.000 euros en 2017, 2.000.000 euros en 2018 e 1.011.647,18 euros en 2019. O comportamento da Deputación pode causar unha perda completa de utilidade da infraestrutura (ou, en todo caso, producir danos significativos na mesma), co consecuente dano patrimonial para a Administración provincial, o que eventualmente podería dar lugar á esixencia de responsabilidade fronte ás persoas responsables desta situación.
O incumprimento do Convenio constitúe un abandono intencionado no exercicio das competencias en materia de servizos sociais que corresponden á Deputación. O Expositivo Segundo do Convenio deixaba constancia de que a construción da residencia era necesaria para suplir a infradotación de prazas residenciais que sufría a provincia de Lugo e, particularmente, para remediar a situación de abandono histórico da comarca dos Ancares. O feito de que a Deputación, de forma intencionada e deliberada, se estea a negar a cumprir as obrigacións dun convenio administrativo, coa consecuencia de xerar un prexuízo aos veciños de Becerreá e da comarca dos Ancares, podería xustificar a esixencia de responsabilidade disciplinaria fronte ás autoridades e funcionarios responsables desta situación, e eventualmente o posible plantexamento de accións ante a orde xurisdicional penal”.