O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este mércores en Foz o 1º investimento do Orzamento de 2016 para este municipio, dotado de case 850.000 euros. Fíxoo nunha visita institucional, que arrancou cunha recepción no Consistorio por parte do Alcalde, Javier Castiñeira, e outros membros da Corporación Municipal, na que o Presidente asinou no Libro de Ouro do Concello.
“Hoxe presento en Foz un importante investimento da Deputación para responder ás primeiras necesidades dos case 10.000 focenses: xerar emprego, potenciar os servizos sociais e mellorar as infraestruturas públicas. A beleza natural deste Concello mariñá, onde desemboca o río Masma e se forma a ría de Foz; a riqueza do seu mar para o turismo e o sector pesqueiro; ou os seus importantes recursos forestais, converten a Foz nun Concello cheo de oportunidades económicas. Traballemos xuntos para que as potencialidades únicas deste municipio, nas que cree este Presidente e a Deputación, redunden na mellora da calidade de vida dos nosos veciños”, apuntou.
Os preto de 850.000 euros que a Deputación leva a Foz son para as seguintes actuacións:
– 700.000 euros para humanizar e reordenar o tráfico na Avenida Álvaro Cunqueiro.
– 45.650 euros para obras do POS 2016. É a cantidade que achega a Deputación ao arranxo de vías en San Acisclo e Vilaronte.
– 19.216 euros do Plan de Aforro enerxético da Deputación nos Concellos. Con este investimento, o organismo provincial financia en Foz melloras na rede de alumeado público, instalacións de caldeiras ou estufas de biomasa, así como novas redes de calor e illamentos térmicos. Faino para aforrar cartos ás arcas municipais ao reducir custos correntes pola luz ou calefacción e implantar mecanismos sostibles.
– 3.843 euros para Tics. Os Concellos teñen que realizar melloras nas súas sedes electrónicas antes do 1 de outubro pola entrada en vigor da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas..
Xeración e impulso do emprego
– 37.032 euros para xerar emprego. É o investimento para Foz do DEPUEMPREGO, o Plan de Emprego da Deputación nos Concellos de menos de 20.000 habitantes.
– 7.000 euros para a Travesía da Ría de Foz. A Deputación colabora deste xeito co Clube Kayak de Foz na organización nun dos eventos deportivos máis antigos da quenda nacional, que congrega a centos de persoas, dinamizando a economía do municipio e da Comarca en prol do emprego.
– 3.000 euros para a Festa do Berberecho. É outras das citas coa que colabora o organismo provincial dentro da súa aposta polo produtos do mar para impulsar a pesca e turismo, potenciando deste xeito o emprego e a economía.
Servizos Sociais
– 19.314 euros para o Servizo a Domicilio. É o investimento da Deputación que lle corresponde a Foz, tendo en conta o seu índice de envellecemento, superficie, densidade de poboación e unidades de poboación.