O Concello de Foz ven de poñer en marcha o Plan Verán, que inclúe actuacións como o melloras nos servizos de recollida de residuos, limpeza de rúas e praias, que contarán con máis persoal, e a instalación de dúas casetas con aseos públicos nas zonas do porto e da Rapadoira.
O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, manifestou esta mañá que “no día de hoxe comezan oficialmente os meses potentes do verán, que son xullo e agosto; van ser dez fins de semana moi importantes para o noso concello, con moita actividade e con moita ocupación, pois prevese, como en toda A Mariña, que se batan récords novamente este ano”.
O rexedor focense salienta que “afortunadamente este ano temos un Plan Verán, que xa foi planificado nos orzamentos, que ten partidas económicas para tratar de acometer os grandes retos que nos propón o verán no noso concello, especialmente recollida de lixo, limpeza, tratamento de praias, adecentamento urbano, rozados de áreas recreativas, promoción turística e tamén aposta polo deporte”.
Por último, Castiñeira declara que “hai tamén un plan de promoción turística importante onde, ademais da promoción do noso concello nos medios de comunicación, faise énfase no que é o tratamento das praias, na mellora dos aparcamentos de verán para facilitarlles aos turistas o acceso a diferentes zonas do noso pobo. Veranse tamén unha serie de lonas cubrindo espazos que non teñen unha imaxe correcta e que van levar o lema deste ano do noso concello e colocamos dous aseos públicos nas zonas do porto e da praia, con varios compartimentos para homes e mulleres, que creo que cobren unha necesidade que pedían para o noso concello e non existían”.