O Concello de Lugo apoia aos novos emprendedores co V Premio Xoven Empresario da provincia

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o presidente de AJE Lugo, Mauricio Repetto, presentaron na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías a quinta edición do Premio Xoven Empresario de Lugo, que AJE retoma despois de catro anos co fin de premiar o labor e esforzo dos emprendedores e mozos empresarios que contribúen a crear riqueza e emprego en Lugo. As candidaturas poderán presentarse ata mañá martes e a gala de entrega de premios terá lugar o vindeiro xoves 27 de abril, a partir das 20:30 horas, no Museo Interactivo da Historia de Lugo.

A edil de Emprego felicitou a AJE Lugo por reactivar este certame, que “realmente é un recoñecemento ao traballo ben feito e ao esforzo que lle dedican os empresarios e empresarias, pero tamén supón un aliciente para continuar adiante, innovar e seguir mellorando”. Dende o Concello, subliñou Ana Prieto, “sempre estamos ao carón de iniciativas coma esta que dinamizan e estimulan o tecido empresarial da nosa cidade porque os emprendedores e empresarios son a pedra angular do progreso social e económico. Nomeadamente as PEMES e MICROPEMES, que, de feito, constitúen o 97% do total das empresas de Lugo, e xeran o 70% do emprego do noso país”.

Neste senso, a concelleira lembrou que o Concello ten a disposición dos emprendedores “importantes recursos como o CEI-Nodus, no que por certo ten a súa sede dende hai máis dun ano AJE Galicia. Dende a súa creación, o CEI prestou asesoramento a máis de 3.000 proxectos e fructificaron unhas 400 empresas. Polo viveiro do CEI pasaron un centenar de empresas, que xeraron uns 300 postos de traballo directos e indirectos”, explicou Ana Prieto, que tamén fixo referencia ao plan Inicia Coworking Lugo que ten en marcha a entidade local en colaboración coa Escola de Organización Industrial, a través do que ofrecerá a máis de 260 lucenses un apoio integral, persoal e individualizado, para poñer en marcha con éxito a súa empresa.

Pola súa banda, a Deputada provincial de Promoción Económica e Social abondou nas felicitacións a AJE Lugo por esta iniciativa, pois “a día de hoxe é moi difícil montar un negocio e fai falta que se premie a enerxía, o ímpeto e a claridade de ideas que son necesarias para emprender”. Sonsoles López puxo en valor o traballo dos emprendedores e animou a “seguir montando empresas que supoñan un valor engadido para a provincia, non só a nivel medioambiental, senón negocios sostibles tamén socialmente”.

O presidente de AJE Lugo agradeceu a Concello e Deputación o seu “apoio incondicional”, engadindo que o Premio Xoven Emprendedor ten como obxectivo “visibilizar aos mozos empresarios da provincia” e “dar soporte” aos seus proxectos. Mauricio Repetto explicou que o galardón contempla dúas categorías: Premio Xoven Empresario e Premio Xoven Emprendedor, e tres accésits: á innovación, á creación de emprego e á internacionalización. Os gañadores recibirán unha dotación económica e formación.

Como subliñou o presidente de AJE Lugo, colectivo do que forman parte un centenar de empresas, o V Premio Xoven Empresario conta co apoio do Concello, a Deputación, o IGAPE, Abanca e a Escola de Relacións Laborais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com