O Concello de Lugo destinará 32.100 euros a subvencións municipais co fin de impulsar a igualdade e a inclusión de toda a poboación. As persoas interesadas nesta convocatoria disporán de 15 días hábiles para solicitalas dende a súa publicación tanto no Boletín Oficial da Provincia como na páxina web do Concello, sendo a data límite para xustificar as subvencións concedidas o 31 de xaneiro de 2024.
As bases para outorgar achegas económicas ás entidades que promoven proxectos en prol da igualdade de xénero, a erradicación das violencias machistas, a integración da muller e a diversidade afectivo – sexual foron aprobadas na Xunta de Goberno Local desta semana.
“Os criterios de valoración terán en conta, alén da calidade da proposta presentada, o número de persoas participantes na mesma, así como o interese xeral e a continuidade dos programas que se desenvolven, pero tamén o fomento da integración social de colectivos vulnerables ou de especial sensibilidade e a traxectoria de coordinación e colaboración que as asociacións manteñen co Concello de Lugo”, explicou a tenente de alcaldesa.
“A vontade é traballar, dende todos os eidos posibles, pola igualdade de xénero, tamén dende as actividades de ocio e culturais, e avanzar cara un municipio libre de violencias machistas en sentido amplo, favorecendo a participación da muller rural en todos os ámbitos incluído o da sensibilización contra a violencia de xénero”, sinalou a concelleira Ana González.