O Concello autorizou 359 fogueiras de San Xoán para os festexos que terán lugar esta noite, 217 na zona rural e 142 na cidade.
A Alcaldesa, Lara Méndez, ditou un bando que establece as normas ás que teñen que axustarse as fogueiras do Lume Novo, na que, ademais de contar coa debida solicitude, figura a prohibición de queimar rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como materiais ou produtos contaminantes, fedorentos tóxicos e o lanzamento de foguetes.
Do mesmo xeito, as fogueiras non se poderán facer en lugares próximos á liña eléctrica, inmobles, zonas verdes ou de xardíns, e naqueles nos que poidan crearse situacións de perigo, así como no casco histórico. O responsable ou responsables e os organizadores de cada fogueira deben retirar do lugar da celebración todos os restos que queden unha vez rematada a queima.