A concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, presentou hoxe as actividades previstas este mes de marzo con motivo do Día Internacional das Mulleres, que se celebrará o vindeiro luns, día 8.
A edil sostivo que a programación municipal será segura e respectuosa con todas as medidas sanitarias impostas pola COVID, e lembrou que “as reivindicacións polo feminismo soen ser masivas e este ano deberán selo tamén, pero evitando as macro concentracións na rúa e ocupando outros espazos de visibilidade, como as redes sociais ou da nosa vida cotiá, como balcóns e xanelas”.
Neste senso, Ana González Abelleira fixo un chamamento á responsabilidade, á prudencia e á unión da sociedade para gritar tan alto como noutras edicións que “a loita contra a igualdade, que debe ser todo o ano, é máis necesaria que nunca, para non dar pasos atrás e seguir avanzando na consecución de dereitos”.
A programación do Concello de Lugo centrarase en accións para todas as idades, especialmente para a xente moza e a infancia, que se desenvolverán todo o mes, que serán telemáticas e algunhas presenciais, “garantindo sempre as pautas sanitarias fixadas en cada momento”.
O día 8 de marzo, o executivo de Lara Méndez organizará un acto institucional, ao que convidará a todas as forzas políticas da Corporación, onde se lerá a Declaración aprobada en Pleno por unanimidade. Ese mesmo día, pola tarde, presentarase vía streaming o libro didáctico ‘En Lugo, sementamos igualdade’, con Llerena Perozo, a súa autora, cuxo enlace se anunciará na web e nas redes do Concello de Lugo.
O Concello editou mil unidades, que se poderán recoller na Casa da Muller, no parque de Frigsa, con cita previa, no teléfono 982 29 7412. Nel faise fincapé na igualdade: unha tarefa común; onde se pode atopar tamén unha pequena guía para conseguir unha comunicación e linguaxe igualitarias.
Na programación están contempladas accións en redes sociais, instando á mocidade a que suba unha imaxe dalgún recuncho feminista de Lugo ou que deixen un comentario indicando unha frase con contido referente á igualdade, sempre empregando o cancelo #MulleresConForza. As persoas gañadoras, que se anunciarán o 9 de marzo, recibirán regalos da marca feminista da cidade de Lugo, Mulleres con Forza.
Así mesmo, organizarase a 2ª edición da xincana Se o amor apreta non é da túa talla, para mozos e mozas de 14 a 35 anos, prevista para o sábado 13. Esta actividade, con moi boa acollida na primeira edición, fai referencia a conceptos como o da media laranxa, os celos ou a paixón eterna, rachando con estereotipos estendidos na sociedade. É unha proba de estratexia e habilidade coa que se pretende desmitificar o amor romántico e os tópicos que rodean as relacións sentimentais na procura da consecución da igualdade.
Tamén se recompilarán e emitirán os vídeos que foi mandando a cidadanía a través do certame convocado por Igualdade a través Tik Tok para concienciar e loitar pola igualdade de xénero e contra as violencias machistas, cuxo prazo finaliza o 10 de marzo.
A través das redes sociais se organizarán, ademais, os primeiros diálogos de Mulleres con Forza, centrada en mulleres líderes, seguindo o tema da ONU Mulleres para o Día Internacional da Muller de 2021 “Mulleres lideresas: Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”. O obxectivo é que se trasladen preguntas a varias mulleres referentes de Lugo sobre a igualdade e a súa traxectoria, que elas responderán despois nun vídeo. As cuestións pódense facer chegar ben a través das redes co cancelo #Diálogos MulleresConForza ou ao enderezo mulleresconforza@lugo.gal.