Xornada de pleno no Concello de Lugo que rexeitou unanimemente a intención do Goberno do Estado de establecer peaxes nas autovías. Unha moción presentada polo grupo de goberno nacionalista e que se uniu, no debate, á petición dos populares de instar ao Goberno do Estado a anular as subas de impostos que entraron en vigor en 2021.
Se ben todos os grupos amosaron o seu rexeitamento aos gravames das autovías que o Goberno do Estado quere establecer, durante o debate non todas as formacións políticas estiveron de acordo nos mesmos puntos. Tanto foi así que os nacionalistas rexeitaron unha emenda dos populares á súa moción, e o Goberno ao completo votou en contra da proposta dos populares de instar ao executivo estatal a anular a suba de impostos.
Durante o debate, o voceiro popular para esta moción, Antonio Ameijide, explicaba os motivos da súa proposta, rexeitada por PSOE e BNG. “Subiu o imposto de matriculación, aumentou o IVE das bebidas azucaradas, subiu o imposto para os seguros, comezaron a funcionar as taxas Google; mentres todos os Gobernos da Unión Europea o que fixeron foi baixar a presión fiscal sobre os cidadáns, o Goberno de Sánchez e do PSOE foino subindo. E se isto non fora suficiente o Goberno do Estado presentou o Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, que traducido o lenguaxe dos simples mortais é un ataque aos bolsillos do 84% dos españois”.
Pola súa banda, o voceiro socialista do Goberno, Alvaro Santos afeou aos populares que, na súa intervención, puxeran o foco en infraestruturas doutras provincias, ao falar, principalmente da AP9. Santos asegurou que malia que están en contra das peaxes das autovías “cando as propón Rajoy ou cando o fai Sánchez”, non só se pode falar das subas de impostos se non que hai que dicir tamén, dixo, “que se recibe do Estado”. Santos asegurou que “falar de modelo económico e fiscal atendose exclusivamente ao que é detraído pola vía tributaria é falar a medias” xa que, lembrou, ” de momento en España a educación, a sanidade, todo o modelo de garantías e apostas e oportunidades sociais segue sendo moito máis beneficioso recibilo do público que acudir por el á vía privada”.
Defensa dos intereses dos lucenses
Outra das mocións presentadas polos populares, e que si saiu aprobada malia os votos en contra do Grupo Socialista, instaba ao Concello a defender os intereses dos lucenses ante Pedro Sánchez, xa que o presidente do Goberno, en opinión do voceiro popular, Ramón Carballo, é o culpable de que Lugo sexa un dos principais concellos esquecidos polo goberno central ao negarlle, retrasarlle ou bloquearlle, resaltou, infraestruturas e servizos necesarios. Carballo, lamentaba trala sesión plenaria, a decisión dos socialistas de, dixo, darlle ás costas aos lucenses.
Plan de prevención do suicidio
Pola súa banda, entre as mocións presentadas pola agrupación de Cidadáns, destacou o debate da proposta sobre a realización dun Plan Local de prevención do suicidio e de Atención ao supervivente. Unha petición da formación laranxa que tamén saía rexeitada porque, segundo a voceira socialista Olga López Racamonde, o Concello non ten medios para realizar este plan. Con todo, o goberno local amosouse disposto a elevar esta petición ao grupo parlamentario socialista para que solicite un debate no Parlamento Galego.
Unha excusa do Goberno coa que o grupo propoñente, cidadáns, non estivo de acordo.