O Concello de Lugo ven de comunicar a asociación Lugo Monumental, que non se pode instalar unha pantalla xigante na praza de Santa María, cuxo obetivo era retransmitir o partido que terá lugar este sábado entre o Club Deportivo Lugo e o Sporting de Gijón.
O motivo segundo explican dende o Concello, é o perigo que suporía para a piscina romana situada na devandita praza o acollemento dun número moi elevado de persoas, ademais dos danos que se poderían provocar polo “previsible e case seguro consumo de bebidas alcohólicas”.
Afírmase que houbo “cinco incidentes que supuxeron roturas de vidros”, e “en tres casos non se coñecen ás causas pero pódese determinar que coincidiu con días de uso da praza en ambientes festivos e de celebración (Arde lucus e noite dun venres) “. Tres informes avalan esta negativa: de Cultura, Urban e Policía Local.
Dende a asociación preguntanse se tal e como afirma o Concello, houbo incidentes en fins de semana e Arde Lucus pero non cando Lugo Monumental instalou a pantalla para o Lugo-Dépor, por qué se segue usando esta praza para o esta festividade (así se fixo en 2014) que si a danou, pero non se permite para unha acción que non lle fixo dano algún. Do mesmo modo, pregúntanse “qué medidas de protección adicionais tomaron os fins de semana”ordinarios” en que si recibiu danos a piscina?”
En canto ao consumo de bebidas alcohólicas, Lugo Monumental recrimínalle ao Concello que non se tomen medidas noutras zonas de botellón como a Praza da Soidade ou o Parque de Rosalía.
Luis Latorre, presidente da asociación afirma que con esta iniciativa “só se pretendía solucionar un problema, a falta de entradas tanto para os visitantes de Xixón como para os propios lucenses, e facer de Lugo unha cidade acolledora para os que nos visitan con motivo do encontro de fútbol. Noutras cidades e en ocasións similares, é a propia administración a que se ocupa de ofrecer este tipo de servizos en lugares emblemáticos.
“Obviamente non hai ninguén máis interesado que os empresarios do casco histórico en conservar o noso patrimonio”, continúa Latorre, “pero a escusa da conservación da piscina romana cae pola base cando se analiza co máis mínimo sentido común. O correcto, entendemos, sería protexela axeitadamente con valos, tal e como se fai en todo o mundo neste tipo de ocasións”.
“Lamentamos profundamente que, unha vez máis, se nos impida desenvolver unha actividade aberta, participativa, e que non só non dana a ninguén senón que contribuiría a mellorar a percepción da nosa cidade e, quizais, invitar a que os que se senten ben recibidos volvan noutra ocasión”, concluíu.