O Concello de Lugo incorpora o dominio ‘.gal’ a súa nova web

O Concello de Lugo dispón dun novo portal web, www.lugo.gal, que entrou en servizo logo de varios meses de traballo que se centraron no redeseño completo da webmunicipal para facela máis accesible e conseguir que o seu mantemento resulte máis económico.

O servizo municipal de Informática, dependente da Concellería de Servizos Xerais e a empresa adxudicataria da xestión da páxina web municipal, traballaron nos últimos meses no deseño do novo portal web do Concello de Lugo que ten un novo dominio, lugo.gal, e na que se simplificou toda a arquitectura de software do sistema co obxectivo de facer unha web de acceso máis sinxelo para os cidadáns.

O xefe do servizo municipal de Informática, Eduardo Risco, explicou que a nova web municipal incorpora novas ferramentas para a busca de contidos, que facilitarán o acceso á información demandada e tamén dispón doutras novidades como calendarios de eventos ou a súa adaptación para o seu funcionamento en diferentes dispositivos: PCs, tabletas e smartphones, ademais de incorporar enlaces ás redes sociais.

A web www.lugo.gal é accesible en galego e castelán e tamén dispón dun sistema de tradución automática ao inglés, ademais de mellorar o sistema de lectura automática de contidos para invidentes nos tres idiomas: galego, castelán e inglés.

Na parte superior da portada aparecen catro bloques diferenciados: Concello, Servizos, Turismo e Lecer, e Investir en Lugo. No slide ou franxa central aparecerá sempre un contido destacado e na parte dereita hai un espazo para que as persoas empadroadas en Lugo poidan rexistrarse, crear unha conta de correo electrónico para centralizar as súas xestións co Concello e dispor dunha clave de acceso para conexión á wifi municipal.

A continuación sitúanse as pestañas de sede electrónica (onde se poden realizar trámites online ou acceder á carpeta cidadá), servizos (aquí atoparemos orientación laboral, 010, transparencia, normativa urbanística etc), centros municipais (apartado no que se organizan por áreas as distintas instalacións), temas (que se organizan en función da área municipal da que dependen) e colectivos (que agrupa a información en función dos intereses da cada un dos colectivos).

A continuación aparece o bloque de actualidade, coas últimas novas publicadas. Na marxe dereita, no espazo “A un click” atopamos os botóns que dan acceso directo ás cuestións máis consultadas pola cidadanía e a teléfonos de interese. Na parte inferior da páxina sitúase a axenda de eventos e un directorio de centros xeoposicionados nun rueiro interactivo. No pé da páxina está o acceso a outras webs municipais e perfís sociais relacionados.

No bloque dedicado ao Concello aparecen tanto a Alcaldía como as distintas Concellerías, que teñen unha zona propia para os seus servizos, datos de contacto e as novas que xenera cada área, ademais de incluir os botóns e eventos relacionados coas mesmas.

Á marxe esquerda colgan os menús Qué facemos?, Centros e servizos, Publicacións, Preguntas frecuentes e Actualidade. Neste bloque tamén se inclúen a Corporación e os órganos de Goberno así como o apartado de Transparencia, no que se pon a disposición da cidadanía a información sobre contratacións, xestión municipal, todos os documentos que se publican, o acceso aos Plenos en vídeo mediante streaming, rexistro de intereses e retribucións dos membros da Corporación municipal.

Toda esta información xa se facilitaba na anterior web pero en www.lugo.gal o acceso simplificouse. A sección de Servizos contén a información ordenada alfabéticamente pero tamén dispón de filtros para facer buscas, por exemplo por palabras clave. Neste apartado dase acceso á sede electrónica, ao perfil do contratante e a todos os servizos que ofrece o Concello categorizados por orde alfabética, por tema, colectivo e tipo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com