O Concello de Lugo, por medio da Concellería de Educación e Infraestructuras Urbanas, que dirixe Manuel Núñez, ten previsto comezar as obras de mellora dos servizos de saneamento e abastecemento da Avenida de Garabolos a partir do vindeiro 10 de abril.
Manuel Núñez destacou que estas actuacións son “unhas das máis demandadas pola veciñanza” e que contan cun orzamento de máis de 33 mil euros e o prazo de execución é de dous meses.
As obras constitúen a primeira das fases da adecuación integral da avenida, e nela desenrolaranse as actuacións máis urxentes para modernizar as instalacións desta populosa zona da cidade. Así, os traballos consistirán na renovación das redes de abastecemento e saneamento que discorren pola beirarrúa da Avenida de Garabolos, no tramo correspondente ao fronte dos edificios número 5, 7 e 9, a execución da obra civil necesaria para o soterramento do cableado do alumeado público, e a demolición e reposición do pavimento.
No caso do abastecemento, indica o Concello, substituiranse os tubos de PVC existentes por uns de fundición dúctil, instalaranse novas chaves de paso, bocas de rego e incendio e renovaranse as acometidas. Así mesmo, renovarase a canalización de saneamento existente, que está a producir filtracións, executando un colector de PVC, cos correspondentes pozos de rexistro e renovación de acometidas.