O Concello de Lugo, dende a área de Xuventude que dirixe Ana González Abelleira, lanza unha campaña de igualdade en Tik Tok, a rede social máis de moda entre os adolescentes. “O obxecto da convocatoria céntrase na reflexión e a capacidade creativa dos adolescentes en canto a igualdade de xénero e as relacións afectivas entre mulleres e homes, así como o rexeitamento e a prevención da violencia de xénero” sostén a edil, que destaca que se decantou por esta aplicación por estar en auxe entre a mocidade ao longo do confinamento.
A campaña ten como finalidade por enriba da mesa as diferentes desigualdades que aínda existen a día de hoxe entre a mocidade e aqueles roles estereotipados que se continúan a perpertuar polos sesgos de xénero. Os adolescentes e a mocidade son un colectivo especialmente interesante para traballar sobre igualdade, xa que son catalizadores de tendencias e da diversidade, polo que dende a área de Xuventude “consideramos moi importante a realidade da igualdade ao seu nivel e por iso empregamos como vehículo a rede social Tik tok, sendo as persoas usuarias maioritariamente mulleres de entre 18 e 24 anos” destacou Ana Abelleira.
Os obxectivos desta campaña son: contribuír a estender o coñecemento sobre igualdade entre a mocidade, poñer en valor a igualdade entre os grupos de idade máis novos e evidenciar a desigualdade real aínda existente na nosa sociedade e nas nosas contornas. Nesta proposta, con contidos animados e frescos, empregaranse persoas con perfís activos en Tik Tok para que sexan protagonistas dos vídeos e poidan promover as mensaxes no perfil creado para este fin @XuventudeLugo.