O Concello de Lugo porá en marcha un conxunto de obradoiros para previr as adiccións no ámbito escolar, dirixidos ao alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos do municipio. Como novidade, este ano a Policía Local tamén participará nestes talleres impartindo cursos sobre educación vial e consumo de sustancias en relación coa conducción.
Os talleres serán impartidos nos centros entre novembro e xuño por educadores, psicólogos e especialistas. Un dos obradoiros é o curso de prevención de adiccións ‘Desconecta’, con contidos relacionados co alcohol, o tabaco, os videoxogos, os xogos de apostas ou as redes sociais. Tamén se impartirá un monográfico sobre o cannabis, vapeo e outras formas de consumo de tabaco, para aclarar conceptos e formar sobre a realidade destas substancias. Ademais, estará dispoñible o obradoiro ‘Dobre check’, no que se traballarán cuestións como as referidas ás adiccións no século XXI, a responsabilidade persoal, a comunicación efectiva ou as habilidades sociais e emocionais para a resolución de conflitos.
Este ano tamén se celebrarán dous talleres novos: ‘Programa de prevención unplugged’, cuxo obxectivo é promover o desenvolvemento de habilidades como estratexia para afrontar as influencias sociais favorecedoras dos consumos; e o obradoiro ‘Adiccións, educación vial e mocidade’, que será impartido por técnicos municipais coa colaboración da Policía Local especializada nesta temática.
Os centros interesados en acoller estes obradoiros poderán facer as súas solicitudes dende hoxe ata final de ano no enderezo electrónico prevenciondrogas@lugo.gal e no teléfono 982 297 498. Os centros educativos que soliciten obradoiros deberán enviar unha breve ficha co número de grupos, alumnado e días preferentes, que se respectarán en función das solicitudes recibidas nesas datas.
O Concello tamén porá en marcha talleres de prevención para familias, dirixidos a pais e nais co obxectivo de informar e sensibilizar ás familias sobre o papel educador de cara á prevención; así como charlas sobre substancias psicoactivas e adiccións tecnolóxicas e corportamentais. Pódese solicitar máis información sobre estas iniciativas a través do mail prevencionfamilias@lugo.gal ou no teléfono 982 297 837.