O Concello desenvolve desde hoxe, e ata o próximo 2 de decembro, a programación para conmemorar o Día Internacional para a eliminación de violencia contra a muller. Baixo o lema ‘A Violencia Machista parámola Unidas’, o consistorio aposta pola difusión cultural e as campañas de sensibilización como ferramentas para acadar o obxectivo de que a cidadanía siga implicándose nesta loita.
“Nesta edición, implementaremos a actividade Desmontado o machismo, na que a través de 13 paneis colocados na Praza Maior sinalaremos os principais mitos elaborados polo postmachismo contra o feminismo”, explicou a alcaldesa Lara Méndez.
A mostra é unha viaxe no tempo na que, a través das mensaxes iluminadas, se rebaten os principais argumentos ideados para desmotar a realidade social na que se actúa de forma violenta contra a muller polo simple feito da súa condición. Aspectos como os distintos tipos de agresións, o concepto de masculinidade, ou os mitos sobre a culpa e a coresponsabilidade son abordados neste espazo expositivo ao aire libre.
A alcaldesa recordou o simbolismo da tradiconal lectura do manifesto e ofrenda floral que terá lugar o día 25 ás 12.00 horas frorte a Árbore da Vida, na praza de Santo Domingo, e que contará coa actuación musical de Rut León. “As rúas de Lugo deben ser o escaparate transmisor da mensaxe de denuncia e solidariedade dun Lugo libre de violencia machista e libre de toda violencia contra as mulleres e nenas. O noso comercio, as nosas empresas, os vehículos profesionais ou os locais de hostalaria poden ser este ano protagonistas desta loita usando mensaxes que sensibilicen sobre a materia para rematar coa sociedade patriarcal semente desta forma de violencia”, afirmou a rexedora.
Nesta liña, a área de Cohesión Social deseñou para este 25-N, en colaboración co tecido asociativo e a comunidade escolar, distintas campañas de concienciación que perseguen continuar reforzando o apoio social ás vítimas e involucrar ao tecido económico e social da cidade. Nestas accións colaboran a asocación de Mulleres Empresarias, o Secretariado Xitano e os IES Anxel Fole e Ollos Grandes.
De xeito complementario estas campañas, tamén se celebrará un ciclo de cine no que as proxeccións realizaranse en distintos centros socioculturais da cidade. Así, o próximo día 25, o Vello Cárcere acolle o pase de ‘Te doy mis ojos’, de Icíar Bollaín. No mesmo escenario, o día 2 de decembro, se poderá visionar ‘Herself’, de Phyllida Lloyd. Pola súa parte, no centro de convivencia de Lamas de Prado proxectarase a curta ‘Viejas que hierven’, de Violeta Tapia, e a longametraxe ‘Salir de puta’, de Sofía Rocha. Ademais o centro de Milagrosa albergará o próximo día 1 ‘La Reina’, de Manuel Abramovich e ‘Las Lindas’, de Melisa Liebenthal. Todas as sesións serán de balde e comezarán ás 17.00 horas.