O Concello de Lugo, presentará hoxe unha solicitude ante o Ministerio de Fomento no que se pedirá a creación dunha comisión de seguimento do protocolo que se está a levar a cabo sobre o proxecto da estación intermodal. Así o afirmou esta mañá a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen reivindicou que Fomento ten que pór da súa parte para que a Estación Intermodal “sexa pronto unha realidade” na cidade.
Méndez asegurou que “o futuro da cidade pasa por ter unha intermodal” e que este proxecto, viuse frenado a causa do PP no 2012, cando rescindiu este contrato co que tildou de “nocturnidade e alevosía”, referíndose ao silencio institucional que o Concello recibiu por parte do ministerio e da Xunta.
Méndez afirmou que o PP mentiu tanto ao concello como á cidadanía “convertindo a Lugo na capital galega peor comunicada”. O Goberno municipal tomará a iniciativa para intentar desbloquear este problema e “que a intermodal de Lugo sexa un tema de primeira orde para todas as institucións implicadas no proxecto”, asegurou a rexedora.
Por iso mesmo, o equipo de Méndez solicitará a Fomento que convoque a comisión de seguimento de protocolo asinado polo Ministerio, a Xunta, o Concello e Adif; “aínda que entendemos que debería ser o Ministerio quen fixera esa convocatoria”.
Méndez destacou que Lugo foi un referente en transporte e comunicacións e asegurou que “desexamos que a cidade volva ao seu explendor nese eido”.