A concelleira de Igualdade e Muller, Silvia Alonso, acompañada por membros da Corporación Municipal, asistiron este luns ao acto institucional organizado polo Concello de Lugo con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI+ na Praza Maior.
A edil destacou o firme compromiso por parte do Executivo presidido pola alcaldesa, Lara Méndez, “na loita polo respecto á diversidade e na defensa da dignidade das persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero, e para iso é necesario avanzar na consolidación e na mellora dos seus dereitos”. A concelleira aproveitou para recordar que, no día de mañá “o Consello de Ministros dará luz verde ao anteproxecto de lei LGTBI, un novo paso máis e importante nesta batalla pola igualdade”.
O manifesto deste ano polo día do Orgullo foi elaborado e lido por representantes da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual de Lugo (ALAS).
O manifesto incidiu na importancia de achegarnos a unha democracia realmente inclusiva e respectuosa coa diversidade e cos dereitos de todas as persoas. Tamén fixo fincapé na necesidade avanzar na plena visibilidade en todos os ámbitos e ratificar a necesidade de políticas a favor da diversidade sexual e a non discriminación.
Ademais, condenouse que, en pleno 2021, “certos grupos presentes xa nas institucións sosteñan discursos cheos de odio cara a distintos colectivos minoritarios, desexando unha sociedade máis inclusiva, máis diversa e baleira de odio”.
Este acto, que finalizou ca solta de globos biodegradables das seis cores da bandeira, pon o punto e final a uns días cheos de actividades organizadas en colaboración cos colectivos ALAS e Aqde.
Durante toda a xornada, a bandeira LGTBI ondeará na fachada da Casa do Concello, ante a necesidade de visibilizar o aumento dos actos homofóbicos nun 8,6% segun o último Informe da Evolución dos Delitos de Odio, realizado polo Ministerio do Interior.