O Goberno de Lugo continúa recuperando espazos públicos para o uso da cidadanía. Con este obxectivo, o Concello reorganizou o mobiliario urbano da zona peonil da Ronda da Muralla da que trasladará 7 bancos con xardineiras á rúa Menorca.
Estes bancos instalaranse, segundo afirmou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na zona máis próxima á Avenida da Coruña, e o mobiliario existente nesta mesma rúa recolocarase na zona que está máis pegada á Milagrosa. Así mesmo, reubicaranse os bancos na Ronda da Muralla.
Para Lara Méndez, que visitou esta mañá a rúa Menorca, acompañada do Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e dun técnico municipal, “trátase dunha pequena gran actuación”, que da resposta ás peticións dos veciños, e afirmou que “ser útil para a Cidadanía é o que verdadeiramente nos importa ao Goberno municipal”.
“Esta humanización servirá ademais, para evitar que esta rúa peonil se use, como ata o de agora, como aparcadoiro indebido”, asegurou a rexedora, que afirmou que “non se trata de quitar zonas para aparcar”, senón que as zonas onde os lucenses estacionen, estean habilitadas para ese fin. Ademais, esta medida permitirá dar máis dinamismo e máis vida a esta zona da cidade.
Con esta optimización de recursos, “Lugo avanza cara a converterse nunha cidade sostible, accesible e pensada para os peóns”; na que ter cada vez máis espazos para gozar da cidade. A meta do Goberno é facer de Lugo un municipio inclusivo e amable coa veciñanza.