O Goberno de Lugo rescinde o contrato coa mercantil Alcor Seguridade S.A., por incumprimento da súa oferta e das súas melloras e obrigas salariais. Segundo informou a Alcaldesa Lara Mendez esta mañá, esta medida tómase co obxectivo de garantir a estabilidade no emprego dos servizos do Concello.
A empresa dixéralle ao Concello que o traballador ía percibir 300 euros por encima do convenio, e non o cumpriron. O goberno municipal tomou esta decisión tras remitir ao Consello Consultivo de Galicia, para o seu ditame, a proposta de resolución do contrato administrativo de servizo de seguridade privada, tanto no Fogar do Transeúnte como no CEI-NODUS e Espazo Lab, e que ven de darlle a razón á entidade local e amosar a súa conformidade coa proposta de resolución.
Así o anunciou esta mañá a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen explicou que,en virtude de dito ditame, esta mañá na Xunta de Goberno se acordou resolver ambos contratos por incumprimento tanto no CEI -NODUS como no Fogar do Transeúnte.
Lara Méndez afirmou que no Concello de Lugo “a persoa está por riba do beneficio económico” e asegurou que, “por Lei, non se pode eliminar unha empresa dun concurso público pero si poden eliminalo cos antecedentes e coa non resposta á petición do Concello” dunha garantía. Mendez deu a coñecer tamén que o Servizo de Contratación propoñerá á Mesa de Contratación non aceptar a oferta de Alcor e, polo tanto, non adxudicarlle o servizo de seguridade nos centros de convivencia.