O PSOE, unha vez máis -logo de subvencionar o macrofestival Caudal Fest- aprópiase das competencias da Concellaría de Cultura do BNG, programando a axenda cultural da capitalidade da cultura do Eixo Atlántico 2023.
O primeiro dos eventos programados trátase do concerto de Abraham Cupeiro coa Orquestra Filarmónica de Braga, o proximo xoves 23 de febreiro ás 19:30h, coincidindo con outro evento, programado pola Concellaría de Cultura, a obra de teatro “Sexpiertos” no Vello Cárcere, a cal custa 5€ e, segundo sempre se mantivo desde a dita Concellaría, non se poden cobrar entradas para actos en espazos públicos municipais.
As entradas, de balde, para o concerto de Cupeiro puxéronse á libre disposición da cidadanía no día de onte, 15 de febreiro, esgotándose nunha hora, para logo abrir unha segunda quenda pola tarde, esgotándose novamente ao cabo duns minutos.
Por unha banda, queda patente a contraprogramación reiterada que fai o goberno do PSOE ás competencias que ten o goberno do BNG en materia de cultura, evidenciándose unha vez máis os dous gobernos que descabezan o Concello de Lugo.
E, por outra banda, comprobamos unha vez máis a ineficaz xestión que fai este goberno municipal na disposición de entradas para o acceso gratuito a eventos culturais.
Dous gobernos, dous eventos. Dous gobernos, o solapamento traducido na deficiente xestión municipal. A guerra segue aberta. Os reféns e as vítimas, as veciñas e veciños desta cidade.
Esquerda Unida de Lugo.