O Concello de Lugo sumouse este sábado á Carta de Consumo Responsable e Solidario nun acto que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. A Alcaldesa, Lara Méndez, asinou este documento no que a entidade local se compromete a concienciar á sociedade de que os produtos autóctonos contribúen ao desenvolvemento económico tanto do municipio, da provincia e da comunidade, así como a apoiar ás empresas que etiqueten en galego os seus produtos.
Concretamente, na carta recóllese o deber do Concello de impulsar un aproveitamento sostible dos recursos naturais, así como a súa aposta pola calidade dos produtos agroalimentarios con denominación de orixe luguesa ou galega, capaz de darlle identidade propia aos produtos, de aportarlle un plus a gastronomía, un patrimonio máis para atraer o turismo, e de impulsar o desenvolvemento económico. Outro dos valores do documento é a solidariedade coas empresas que opten por etiquetar en galego os seus produtos e usar o galego nas súas campañas de promoción, “dous dos nosos sinais de identidade, que ademais nos definen como pobo”, tal e como indicou a rexedora.
No acto, organizado polo Concello de Santiago, a Irmandade Galega de Agroalimentrios e Adegueiros e o Foro Enrique Peinador, tamén participaron os rexedores de Santiago, Martiño Noriega, da Coruña, Xulio Ferreiro, de Ferrol, Jorge Suárez e o de Oroso, Manuel Mirás, así como a alcaldesa en funcións de Ourense, Flora More e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Tras a sinatura, a rexedora apelou á responsabilidade dos consumidores á hora de elixir os produtos lugueses e galegos na súa compra, pois para Lara Méndez “é indispensable apoiar e apostar polos nosos produtos autóctonos, como vía para revitalizar o sector primario, pois a comercialización é capaz de xerar riqueza e postos de traballo, así como de fixar poboación no noso municipio”.