O Concello de Lugo tentará mediar entre a patronal e o sindicato das traballadoras da limpeza

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de convocar á concesionaria do servizo de limpeza dos edificios municipais a unha reunión, este próximo luns, para abordar a situación que está a xerar o conflito laboral que afecta, a nivel provincial, a este sector.

“Levamos varias semanas xa nunha situación de folga  que, por unha banda está demostrando o esencial que resulta o labor que desempeña este colectivo pero que, precisamente, debido a isto, está tendo importantes consecuencias tremendamente perniciosas en ámbitos que toda a sociedade debéramos protexer como pode ser o educativo”, sinalou a rexedora.

“Dende a Alcaldía de Lugo ímos trasladarlle á empresa a urxente necesidade de que patronal e sindicatos se senten novamente a dialogar co compromiso de darlle saída á situación”. Dende o Concello instarán a un”achegamento das posturas que permita conciliar os intereses das dúas partes e rematarcoa folga que se está deixando notar, especialmente nos centros escolares da capital”.

Méndez solicitou tamén á Xunta de Galicia, que presione na mesma dirección, porque “os lucenses non podemos ser cidadanía de segunda, tanto no relativo á fenda salarial que denuncia o colectivo como tampouco no que afecta ás crizanzas da cidade, que están a padecer dun xeito directo as consecuencias da folga”.

A este respecto, a alcaldesa indicou que “sen vulnerar os dereitos laborais do colectivo – como nunca foi a nosa intención – o Concello intensificará nos vindeiros días o control para que se cumpran os servizos mínimos estipulados nos centros municipais”.

“Facemos, por tanto, un chamamento a todas as partes para que actúen con responsabilidade e alcancen o acordo, en beneficio de toda a sociedade”, concluíu a rexedora.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com