O Concello de Mondoñedo acondicionará o acceso á cova do Rei Cintolo

O Concello de Mondoñedo acondicionará a entrada á cova do Rei Cintolo cunha pasarela de madeira respectuosa co medio ambiente para facilitar aos turistas o paso a este enclave natural. Así o avanzou a alcaldesa, Elena Candia, quen precisou que esta actuación se levará a cabo “gracias a unha subvención de 80.000 euros da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, quen financiará a totalidade do proxecto”.

A rexedora amosouse moi satisfeita con esta actuación e salientou a importancia deste proxecto “pois non podemos esquecer que a Cova do Rei Cintolo é un dos principais reclamos turísticos da cidade e consideramos a entrada á gruta como unha infraestrutura imprescindible”.

Candia recordou que o actual goberno local mindoniense “apostou durante os dous veráns que leva á fronte do goberno, e vai seguir apostando sempre, por este recurso porque é consciente da súa potencialidade”. E recordou, por exemplo, “o convenio asinado coa Federación Galega Espeleoloxía que permitiu un mellor horario e unha maior flexibilidade de acceso á Cova do Rei Cintolo”.  “O noso traballo vese avalado polas cifras, pois hai que recordar que este ano a cova bateu o récord de visitas dos últimos 10 anos”.

Un proxecto ambicioso e un plan de promoción

A alcaldesa precisou que “este proxecto consiste na execución dunha nova entrada que permita acceder con maior comodidade e seguridade á cova”. E engadiu, que en concreto, “a actuación incluirá a roza e apertura da traza e a execución de pasarela de madeira, que disporá na parte final dunhas escaleiras de madeira e unha ponte de 7 metros e de idéntico material para salvar un pequeno regato ao inicio do novo acceso”.

Candia apuntou que se trata dun ambicioso proxecto “feito dende o máis profundo respecto á natureza e con diálogo e consenso”, pois precisou que “xa foi analizado e explicado aos técnicos de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia e posto en común coa Federación de Espeleoloxía”. “Agora continuaremos coa folla de ruta e pasarémolo á comisión de Patrimonio nos vindeiros días para que, unha vez que nos dea a luz verde, facelo realidade canto antes”.

A rexedora recalcou que “dende o goberno local apostamos por este recurso do noso municipio con esta importante actuación e seguiremos impulsando a Cova do Rei Cintolo mediante un plan de promoción da mesma que tamén levaremos a cabo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com