O Concello de Mondoñedo ven de emitir un comunicado, por medio da súa alcaldesa Elena Candia, no que anuncia que se vai inplementar un plan de actividades para a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro e que o seu coordinador será o investigador e crítico literario Armando Requeixo.
Ademais das conferencias baixo o nome ‘Cunqueiro aquí e acolá’, realizaranse outras actividades como a publicación de materiais cunqueirianos que axuden a espallar e afondar na obra do autor. Neste eido enmarcase o inicio da Colección Selva de Esmelle ou a publicación dunha revista de estudos cunqueirianos.
Para inaugurar as conferencias desta serie procuraranse datas que estean arredor da data de nacemento do autor. De igual xeito, a última das conferencias realizarase en días próximos ao seu pasamento.
Ditos actos concretaranse ben baixo a fórmula de conferencias individuais ou de mesas redondas de varios participantes, dependendo do que aconselle o tema e enfoque particular de cada intervención. En calquera caso, o nome dos participantes, aínda por confirmar, comunicarase coa debida antelación.
Tamén, coa colaboración do Concello de Mondoñedo e a familia do escritor, estase a preparar a edición dalgúns textos do autor que se presentaran durante os eventos a celebrar. Entre eles estará un ensaio do fillo do autor, o tamén escritor César Cunqueiro, que versará sobre a conexión da obra de Álvaro Cunqueiro e a de José Lezama Lima. Este traballo inaugurará a colección “Selva de Esmelle” na que verán a luz outros textos arredor de Cunqueiro e o seu mundo.
Colaboracións
A Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, como xa queda dito, contara coa colaboración da familia do escritor e do Concello de Mondoñedo ademais doutras institucións responsables da promoción da nosa lingua, como é a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou a Fundación Penzol.
Dende a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, manifestan a súa dispoñibilidade para colaborar con cantas entidades, institucións ou persoas estean interesadas en estudar e divulgar a figura do escritor que lle dá nome, convidando a poñerse en contacto co Concello de Mondoñedo para concretar posibles colaboracións.