O Concello de Mondoñedo dedicará un ciclo de teatro á figura de Manuela Rei

O Goberno local do Concello de Mondoñedo dedicará un ciclo de teatro neste ano 2016 á figura da actriz Manuela Rei. Os últimos sábados de mes haberá función ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga. A alcaldesa, a popular Elena Candia, sinala que no verán se intentará que a actividade teatral se desenvolva na rúa.

No marco deste recoñecemento, que se inscribe na programación de dinamización cultural do novo equipo de Goberno, o cronista oficial de Mondoñedo, presentará o 2 de abril unha revista oral dentro do proxecto Profalías na Casa da Xuventude. Esta iniciativa da sección de literatura oral da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) recollerá información sobre a figura da actriz natural de Mondoñedo.

Unha vez gravada e editada esta peza formará parte do arquivo da AELG, e o Concello de Mondoñedo recibira unha copia, como colaborador. “Con esta serie de actividades culturais o Concello pretende por en valor a figura desta mindoniense ilustre que apostou polo teatro”, explica Candia.

Manuela Rey, naceu en Mondoñedo en 1842, e tivo unha carreira rápida e brillante, ata converterse nunha das principais figuras da interpretación en Portugal. Morreu de tifo cando o éxito máis lle sorría, con só 23 anos. Cando era unha nena pasa por Mondoñedo unha compañía dramática itinerante que se hospeda na fonda na que traballaba a súa nai, viúva e con dez fillos. Manuela conquista aos comediantes que lle propoñen levala en adopción. Con só seis anos subiu aos escenarios recitando versos e facendo pequenos papeis.

Aínda que hai outras versións da súa traxectoria, parece que Manuela chegou a Lisboa en 1856 formando parte dunha compañía de teatro ambulante. Pouco a pouco gaña prestixio. En 1859 xa figura nunha listaxe de biografías de actores e actrices destacadas de Portugal e Brasil que se ía publicar baixo o título Galería artística, da autoría de Machado, Andrade e Ferreira. Ademais de actriz, escribiu algunhas obras, así como cartas, escritos filosóficos e apuntamentos autobiográficos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com