O Goberno local do Concello de Mondoñedo e o departamento de xeoloxía da Universidade de Oviedo veñen de asinar un convenio de colaboración para a medición dos niveis de gas de radón na Cova do Rei Cintolo.
A sinatura levouse a cabo hoxe entre a rexedora, a popular Elena Candia, e o profesor Sergio Llana Fúnez, en calidade de Coordinador do grupo de investigación “Procesos geológicos modeladores del relieve de la Cordillera Cantábrica” (GEOCANTÁBRICA)” do Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo.
Tal e como explica o profesor, entre os obxectivos deste estudo, están a identificación de fallas profundas que teñen experimentado actividade en épocas recentes. Estas fallas adoitan presentar pequenas concentracións de gas radón que permiten identificalas. En Mondoñedo existe un sistema de fallas que probablemente teñan sufrido desprazamentos en épocas xeolóxicas recentes, así como covas kársticas susceptibles de almacenar pequenas concentracións do radón procedente do interior da terra. Polo tanto, tal e como recolle o convenio, é do interese da investigación realizar medicións de radón en cavidades da zona, entre as que se atopa a Cova do Rei Cintolo.
O convenio estará vixente ata o 31 de decembro do presente ano.