O Goberno local do Concello de Mondoñedo destinará 50.000 euros á sinalización de recursos turísticos e de Bens de Interese Cultural (BIC) da localidade para a súa correcta localización. En concreto, estas tarefas contarán cunha achega de 35.000 euros de Turismo e o restante será aportado polo Concello de Mondoñedo.
Ademais da sinalización dos recursos turísticos, os datos serán incluídos no Google Maps como un modo de dalos a coñecer ao mundo e facela accesible desde calquera punto xeográfico.
A rexedora, Elena Candia pon en valor a aposta do seu Goberno polo turismo e polos recurso que ten Mondoñedo, unha aposta da que quere facer partícipes a todos os veciños e veciñas, polo que fará entrega da memoria deste proxecto a todos os axentes sociais da cidade co propósito de que fagan as súas achegas “que sempre serán benvidas”, engade.
O proxecto que se presenta pretende mellorar a sinalización para achegar a todos os BIC e recursos turísticos de vital importancia no municipio, así como informar das súas características, historia e particularidades. Facilitar o percorrido ata a chegada supón unha mellora na comunicación e, ao mesmo tempo, unha actuación que fomentará o turismo e as visitas a todos estes recursos.
Entre os elementos que se van sinalizar atópase o antigo consistorio, a Praza da Catedral e Pazo Episcopal, a Fonte vella, o Seminario Conciliar de Santa Catalina, a Casa do Concello, a Igrexa de Santiago, o Convento da Concepción, a Igrexa dos Remedios, o Cemiterio vello, o Centro de interpretación do Camiño Norte, a Antiga Muralla, o Barrio dos Muíños – Ponte do Pasatempo e a Alameda dos Remedios – Hospital de San Pablo, entre outros.