O Concello de Mondoñedo propón 3,7M€ de Orzamento para 2019

O Goberno local do Concello de Mondoñedo aprobará no Pleno deste mércores os Orzamentos para o ano 2019 que ascenden a 3.761.033 euros, o que representa un 15,94% máis que o exercicio anterior. É dicir, 517.033 euros máis que as contas de 2018 motivado polo incremento do volume de recursos habituais.

As liñas básicas das contas conteñen o mantemento dos servizos públicos básicos, tales como a recollida e tratamento de residuos, a iluminación ou o mantemento das zonas axardinadas. Ademais, mantéñense e amplíanse os servizos sociais coa consolidación do servizo de atención temperá e o incremento das prestacións destinadas á dependencia. Como exemplo, as horas de servizo de axuda no fogar pasaron de 14.000 en 2017 a 20.000 en 2018.

A maiores, a alcaldesa, Elena Candia, explicou que seguirá a realizarse unha aposta polo ámbito cultural e deportivo e tentarase garantir a realización das actividades que desenvolven as diversas asociacións. O Orzamento para o ano próximo recolle tamén a suba dos investimentos realizados polo propio Concello garantindo ao máximo o mantemento das vías públicas e a rehabilitación de edificios emblemáticos de Mondoñedo.

Tamén se recolle unha partida para o financiamento de actuacións de consolidación do polígono empresarial a fin de facilitar a ampliación e modernización do sector produtivo como estratexia de asentamento poboacional. Así, no capítulo de gastos, en investimentos reais figuran 646.141,86 euros, o que supón un aumento do 49,05% con respecto ao ano 2018. Pola súa banda, as transferencias correntes, que suman 56.388,96 euros, soben o 104,39%.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com