O concelleiro de Cultura do Concello de Ribadeo, Farruco Graña, recibiu onte ao portavoz de Pallasos en Rebeldía, Iván Prado, na súa PeregrinaClown de Xixón a Compostela, para reivindicar a liberdade de Abu Sakha, clown palestino que leva 18 meses preso.
Neste acto o edil dixo que “para o Concello de Ribadeo é unha honra poder recibir a persoas amantes da liberdade e dos dereitos a existir como pobo. Queremos solidarizarnos coa organización Festiclown e con esta peregrinación tan singular que unha vez máis pon de manifesto que somos terra de acollida, estamos moi acostumados a recibir a xente de todas as crenzas, de todas as maneiras de pensar, e logo se ademais manifestan un expreso amor pola liberdade e a solidariedade, sede ben recibidos”.
O concelleiro de Cultura engadiu: “queremos mostrar o noso apoio aquí desde o Concello de Ribadeo, e supoño que todo o pobo de Ribadeo estaría de acordo en sumarse a esta solidariedade, con estas persoas detidas inxustamente, con métodos moi expeditivos. É unha detención administrativa sen ningún tipo de probas”. O edil lembrou os tempos da inquisición e asegurou que era unha inxustiza que sigan reproducíndose este tipo de situacións.
Pola súa banda o portavoz de Pallasos en Rebeldía, Iván Prado, explicou que “esta PeregrinaClown é pola liberdade de Abu Sakha, ese pallaso palestino que está preso dende hai 18 meses nos cárceres israelís, nace do vencellamento que ten Pallasos en Rebeldía e o Festiclown con este artista de circo que foi detido e encadeado sen acusación, sen xuízo, como 500 presos palestinos máis, e que finalmente simboliza para nós, a xente que ama a liberdade, que ama a humanidade, unha necesidade de conseguir que saia á rúa”.