O Concello de Vilalba informa aos seus veciños e veciñas da apertura no día de hoxe á circulación de vehículos a rúa da Pravia, pechada desde o pasado día 7 por mor do derrubamento e incendio dun edificio.
Restablécese a circulación por un só carril, unidireccional en sentido Lugo- Mondoñedo, por motivos de seguridade. Diante dos edificios afectados polo accidente está habilitada unha pasarela para peóns.
O Concello de Vilalba demanda á cidadanía que por favor respecte as sinais e as indicacións dos axentes da policía, pedindo desculpas polas molestias e lembrando que todas as medidas teñen como obxectivo preservar a seguridade das persoas.
O pasado venres, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, explicaron en rolda de prensa os motivos dos cambios provisionais de tráfico na rúa da Pravia. “Prodúxose unha situación de emerxencia tras o incendio e o derrubamento do pasado día 7 e tomamos medidas de urxencia para garantir a seguridade das persoas e tamén dos inmobles”, manifestou a alcaldesa, que insistiu en que “o único importante agora mesmo é garantir a seguridade”.
O grupo de goberno tivo coñecemento a semana pasada dun informe que Espina e Delfin entregou ao anterior grupo de goberno no ano 2017, “advertindo do mal estado das tuberías de abastecemento de auga na rúa da Pravia”, apuntou Fernández, que lamentou “a irresponsabilidade do anterior goberno de non informarnos desta situación”.
Por último, o concello transmite de novo “tranquilidade e confianza aos veciños e veciñas”, afirmando que se tomarán as medidas oportunas coa única intención de previr riscos.