O Concello de Vilalba vén de anunciar que regulará a instalación da propaganda electoral das vindeiras eleccións no casco urbano, colocando catro paneis destinados a pegar os carteles anunciadores dos diferentes partidos políticos.
Os paneis estarán ubicados en catro puntos distintos da vila: rúa da Pravia, xunto á praza da Constitución; rúa Cidade de Lugo, na entrada da vila; rúa do Calvario, xunto ao parque do cemiterio e na rúa Nevado Bouza, onde o parque da escola infantil.
Con esta medida o goberno de Elba Veleiro pretende evitar o lixo nas rúas que se acumula con cada cita electoral. “Buscamos unha ordenación dos nosos espazos respectuosa co medio ambiente”, subliñou o tenente de alcaldesa, Rodrigo Pavón.
Asemade, o Concello xa notificou á Xunta Electoral esta decisión de acordo aos prazos establecidos pola Lei Electoral. Finalmente dende o goberno local esperan que este sistema que “levamos pedindo xa moitos anos” conte coa aceptación “por parte de todos de cara ao ben común”.