O Concello de Vilalba saca a concurso a xestión do SAF

O Concello de Vilalba vén de anunciar que sacará a concurso a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) despois de dar conta á Comisión de Servizos Sociais con representación de todas as forzas políticas que integran a Corporación Municipal. Os pregos de contratación contemplan un valor estimado do contrato de 15.284.049,48 euros e un prazo de execución de 3 anos a contar desde o día seguinte á firma do contrato, máis 2 anos divididos en dúas posibles prórrogas. A contía do prezo/hora incrementarase en máis de 4 euros, pasando a ser de 15,96 euros/hora a hora ordinaria e 17,95 a festiva. Debido ó importe da contratación realizarase mediante procedemento aberto harmonizado.

O Concello de Vilalba autorizará o gasto do orzamento municipal pola contía anual de 2.838.740,71 euros, adquirindo o compromiso de habilitar o crédito necesario para dar cobertura á prestación deste servizo. Con esta medida, preténdese garantir que a empresa adxudicataria e as propias traballadoras do servizo teñan a garantía do bo funcionamento tendo en conta a importancia do SAF nunha localidade como a de Vilalba, cunha poboación envellecida e moi dispersa. “Desde o momento no que entramos no goberno tivemos como prioridade dar solución a esta problemática, posto que o SAF é actualmente unha das prestacións máis necesarias no noso municipio”, subliñou a alcaldesa, Elba Veleiro, engadindo que “os Servizos Sociais do Concello traballaron a reo para sacar adiante esta contratación, polo que a día de hoxe amosámonos satisfeitas e á espera de que todo transcorra con normalidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com