O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, asinaron un acordo a través do que a institución provincial destinará 200.000 euros para que Concello de Viveiro ofreza máis servizos públicos.
Os fondos servirán para a dinamización da estratexia turística de Viveiro, con accións como o reforzo da información e a potenciación das rutas turísticas. Tamén para a contratación de concertos para as festas patronais e para o alugueiro de escenarios para as actuacións e eventos culturais e deportivos que de maneira recorrente acolle a localidade.
Así mesmo, con esta axuda o Concello tamén sufragará os labores de mantemento de diversos servizos públicos, como é o caso do cemiterio municipal ou da praza de abastos, ademais da mellora do alumeado público e do servizo de podas.