O voceiro do Concello de Lugo, Miguel Fernández, denunciou publicamente esta mañá o que tildou de “novo desprezo e falta de respecto institucional” da Xunta de Galicia cara os veciños e veciñas de Lugo ao querer impoñer un convenio para acometer o proxecto que o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a semana pasada para o Vello Xeral.
O Concello lamenta que este convenio se enviase durante a fin de semana vía correo electrónico, sen ter informado ao goberno local do contido do plan de maneira oficial e sendo elaborado de “maneira unilateral pola Xunta”, que, non só esixe ao Concello trámites urbanísticos, como anunciou Feijóo, senón tamén, segundo anunciou Miguel Fernández “a dotación de todos os servizos, a mellora do transporte público e do banco de prazas de aparcadoiro, asumir o mantemento dos xardíns, e a exención do IBI de todos os centros da comunidade autónoma ou do SERGAS”.
Miguel Fernández incidiu en que o Goberno “fará todo o que faga falta por ter estas dotacións imprescindibles para os veciños e veciñas, porque, non é que queira, é que leva anos esixido que se lle dea vida ao barrio da Residencia con proxectos que, normalmente, se exhiben en campaña electoral. O Concello financiará todo o que faga falta cos seus 90 millóns de euros, fronte aos 9.000 millóns da Xunta, pero non desta forma. Este convenio carece da mínima legalidade de procedemento e ten que ser discutido porque entra en claras contradicións co que pretendemos asinar coa Conselleira de Medio Ambiente para eximir do IBI aos centros acordados co Concello”.
Por isto, “porque é un desprezo á veciñanza, porque non é posible asinar o acordo que nos remitiron e para demostrar a nosa actitude de sumar, non ao Conselleiro, senón aos lucenses”, o Concello solicitou hoxe mesmo unha reunión con Vázquez Almuíña para “discutir e acordar un convenio aceptable para as dúas institucións”.