O concello derrubará o edificio de “O Garañón”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este mércores que presupostará 300.000 euros nos vindeiros orzamentos para restaurar a parcela onde se sitúa o Garañón e prever a demolición do edificio. O Goberno incluirá esta partida na súa proposta orzamentaria 2017, e serán os demais grupos da Corporación os que darán a súa conformidade ou non a estes presupostos cando se eleven a Pleno para o seu debate.

Ademais, a rexedora avanzou que non se presentarán recursos de casación ás dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o proxecto de urbanización e a licenza da Unidade de Actuación CS5. Lara Méndez insistiu en que non se recurrirán ditas sentenzas, “non por entender que non se seguiu a legalidade vixente, senón por entender que formalmente non hai motivos engadidos para o recurso de casación”.

O Goberno Local decidira contratar un informe xurídico externo a finais de xaneiro, motivado polos propios técnicos municipais, por ser eles mesmos partícipes en informes anteriores, cuxas conclusións lle trasladou hoxe a propia Alcaldesa aos voceiros dos distintos grupos políticos da Corporación.

As conclusións do informe son claras e acreditan que, despois da nova regulación do recurso de casación, non hai motivos suficientes para estimar dita casación, pois a lei, que cambiou, neste caso non se refire a ningunha xurisprudencia nin ningunha lei estatal, senón que se refire á Lei Autonómica do Solo. O informe externo pon de manifesto que o PERI vixente da CS-5 foi aprobado polo  Concello e despois agregado ao PXOM, do que a competencia é estritamente autonómica, “e que polo tanto, este Concello reserva calquera responsabilidade de cara as medidas legais, tanto do propietario como da entidade local, para repercutirlle a responsabilidade a quen ou poida ter  a competencia”.

Lugonovo

Lugonovo amosou a súa satisfacción pola decisión do equipo de goberno de non recorrer a sentenza do Garañón ante o Tribunal Supremo e queren romper unha lanza a favor da alcaldesa pola “aposta valente da súa determinación”.

“O criterio sustancia o que Lugonovo mantivo dende o inicio, que as torres eran ilegais e ilegalizables o que abocaba, inevitablemente, ao seu derrubo”, apunta Santiago Fernández Rocha.

“Este é o primeiro paso – abonda Fernández Rocha – para que os lucenses recuperen un espazo e unha paisaxe que nunca debeu deixar de ser súa.  “Seguir batallando nos xulgados era unha causa perdida, un pozo sen fondo que só conlevaría a malgastar, sen sentido e de forma irresponsable, máis cartos públicos co pretexto de defender o indefendible e en contra do clamor social”.

Dende Lugonovo agardan que nos vindeiros días se concrete o procedemento a desenvolver para materializar a demolición do inmoble e, unha vez máis, lembran que esta acción non influirá na contía da compensación que reciba o construtor.

Cidadáns

Dende o grupo municipal de Cidadáns a súa voceira Olga Louzao declarou que na decisión tomada polo goberno sobre o Garañón, “só dicir que máis vale tarde que nunca, esta é a demostración explícita de que non estabamos errados e que as cousas non se fixeron ben. Agora só esperamos que os seguintes pasos a dar nos  leven a demolición do Garañón, e que ista supoña o menos custo para os lucenses e que sí, desta vez, se cumpran todos os trámites legais esixidos “.

Partido popular

Pola súa banda o PP por medio do seu voceiro Jaime Castiñeira, censura que “o goberno local rexeite explotar esta vía”  destacando que “bota en falta que, no informe externo que encargou a alcaldesa, non se cuantifiquen nin as repercusións económicas nin as solucións urbanísticas para este entorno”

Os populares reclaman que “se informe da participación do Concello noutros procesos xudiciais abertos relacionados co Garañón e nos que tamén están implicados membros do actual equipo de goberno socialista”

 Jaime Castiñeira tamén censurou que “o goberno local se negase a convocar a Comisión que pediu de forma reiterada o Grupo Popular dende o ano 2015 para buscar, con antelación, solucións a este despropósito urbanístico das Costas do Parque”.

ACE-EU

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida lembra que xa elevara ao Pleno de xaneiro de 2016 unha proposición para que o Concello de Lugo desistise dos recursos contra as sentenzas xudiciais que ilegalizaban as licencias de urbanización e de obras das Torres de O Garañón, da que o PSOE votara en contra. “Non deixa de ser irónico que a alcaldesa pagase a minuta dun prestixioso bufete para que chegase á mesma conclusión que lle propuxo o noso grupo hai un ano gratuitamente, e que a propia alcaldesa consideraba disparatada por considerala susceptible de prevaricación”, salienta Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

ACE-EU tamén recorda que a consignación dunha partida orzamentaria para a execución das sentenzas xudiciais que obrigan a demoler o xa construído na unidade de actuación CS-5 non é un tanto que a alcaldesa se poida apuntar, pois é un acordo plenario acadado hai só un mes no Pleno do Concello de Lugo, grazas á emenda presentada por ACE-EU á proposición do PP para que se constitúa unha Comisión específica sobre o Garañón.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com