A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou este mércores o IV Plan estratéxico de subvencións para os exercicios 2016-2019, que cumpre coas liñas de acción fundamentais do Goberno Municipal, por valor duns 3,2 millóns de euros, concretamente 3.186.417.
Así o anunciou na rolda de prensa posterior o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen fixo fincapé nas catro liñas estratéxicas que desenvolve este plan, recuperar espazos públicos para o seu uso público, fomentar o emprego e a actividade económica, proxectar a cidade para convertela nun referente cultural e deportivo e mellorar as infraestruturas, encamiñadas a un desenvolvemento sostible da cidade.
“Como sempre dixemos este Goberno é o das persoas, e así o amosamos unha vez máis con este plan estratéxico de subvencións, que entronca coa nosa decisión de pór a persoa no centro da actividade municipal”, subliñou Fernández, quen destacou a gran riqueza asociativa da cidade de Lugo, que defende os intereses públicos dos veciños e veciñas.
Neste senso, o voceiro subliñou o labor das asociacións ao tempo que remarcou a importancia das axudas deste plan para os colectivos, das que dependen moitas das actividades que desenvolven ao longo do ano, o que lles permite unha maior participación na vida do Concello.