O Concello devolve 400.000 euros aos lucenses no recibo do lixo polo servizo non prestado na folga

O importe total que o Concello devolverá aos lucenses no recibo do lixo polo servizo non prestado durante a folga ascende a preto de 400.000 euros, segundo explicou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, que ofreceu este dato unha vez estimadas as variacións producidas no padrón, o que tamén lle permite concretar que serán 52.580 abonados os que percibirán o desconto, cifrado no 23% en cada un dos recibos, a parte proporcional correspondente ao servizo que non se efectuou durante o paro.

Ana Prieto, que incidiu en que con esta medida “cumprimos un compromiso cos lucenses”, lembrou que a cantidade a descontar en cada recibo variará en función das diferentes tarifas, segundo sexa recibo domiciliario ou por actividade comercial, hostaleira, industrial… No caso do recibo dun domicilio, que é fixo para todas as vivendas -21,63 euros trimestre-, o 23% establecido para o cálculo de devolución dá unha bonificación de 4,9 euros para un abonado ordinario (unha unidade familiar), que, sumado o IVE, ascende a 5,48 euros.

Por exemplo, no caso dos hostaleiros, un establecemento cunha superficie de entre 400 e 1.000 metros cadrados, que paga 400 euros ao trimestre, percibirá un desconto de 93 euros. O período voluntario de pago do recibo do lixo arranca hoxe e prolongarase ata o 22 de decembro. Os domiciliados pásanse ao cobro o 5 de novembro.

Criterios técnicos para calcular o desconto

Para o cálculo do desconto tivéronse en conta dous parámetros:

– A parte deducible do recibo. A factura do servizo de lixo inclúe dous conceptos separados:

– O tratamento dos residuos que se envían a SOGAMA, o que supón un 44,27% do total do recibo e que se realizou correctamente durante a folga, polo que se considera xuridicamente non deducible.

– A recollida, que supón o 55,73% do recibo, e que foi a que sufriu os efectos da folga, polo que é deducible.

– Os días nos que houbo déficit na recollida. Para determinar cal foi o déficit de recollida que se produciu, seguiuse o criterio técnico de comparar as toneladas de lixo recollidas en cada un dos días da folga, coas dos mesmos días do ano anterior (o 2013).

O resultado é que houbo un déficit de recollida en 38 dos 59 días que durou a folga. Seguindo este criterio, dos 92 días que contempla un recibo trimestral, non se prestou o servizo de recollida en 38 días, o que supón o 41,30% do trimestre.

Deste xeito, o coeficiente de desconto do 23,02% que se aplicará no recibo sae de multiplicar a porcentaxe do custe da recollida do lixo pola porcentaxe de días do trimestre nos que houbo unha recollida deficiente (55,73 x 41,30 / 100 = 23,02%).

Obradoiros

Doutra banda, Prieto deu a coñecer este martes os novos talleres gratuítos, dirixidos a mozos e mozas, a mulleres emprendedoras e a desempregados en xeral, que organiza o Concello no CEI-NODUS a partir do 9 de novembro para fomentar o emprendemento, en resposta ás peticións veciñais dos Orzamentos Participativos.

Coa organización destas actividades, que levan o nome de A Aventura de Diana: Emprendendo e Innovando Contra Vento e Marea, “tentamos cubrir parte das necesidades formativas e informativas de todo aquel que desexe emprender e activar a economía luguesa, ao tempo que damos resposta ás demandas que nos fixeron os veciños e veciñas nos Orzamentos Participativos”, subliñou a edil.

Deste xeito, o Concello continúa a executar os 59 proxectos demandados polos lucenses, que contan cunha dotación económica de 500.000 euros. Prieto destacou o “profundo compromiso que o Concello ten co desenvolvemento de políticas dirixidas a reactivar o mercado laboral e á creación de emprego, un dos piares fundamentais da nosa acción de goberno”, ao tempo que lembrou que o Concello vén de rematar un plan no que máis de 500 persoas se formaron en profesións cun alto grao de inserción laboral, como atención sociosanitaria, turismo ou restauración.

Asemade, a Concelleira referiuse aos dous programas de inserción laboral que a entidade local ten en marcha: o obradoiro de emprego Cultur@Lvcvs, con 23 beneficiarios, e o programa Lucus Mundi, con 45 participantes. Ana Prieto tamén quixo destacar o papel dos emprendedores, “plataforma de vertebración e progreso da sociedade lucense”, e puxo en valor o traballo que se leva a cabo no CEI-NODUS, do que saíron unhas 70 empresas dende a súa posta en marcha.

3 talleres cun marcado fin didáctico

O Concello organiza 3 talleres os días 9 e 20 de novembro, ás 11:00 e 16:00 horas, respectivamente, e o 18 de decembro, ás 11:00 horas, para fomentar e capacitar a innovación e o emprendemento dos lucenses.

Nacho Villoch, experto en innovación e emprendemento, será o encargado de impartir estes talleres cun marcado fin didáctico, que baixo o título A Aventura de Diana: Emprendendo e Innovando contra vento y marea, recolle máis de 60 conceptos, referencias, ferramentas e aprendizaxes sobre innovación e emprendemento, baseándose nunha novela orientada a asesorar aos emprendedores. A traveso dun storytelling, Villoch narra unha viaxe de exploración e descubrimento coas vicisitudes que todo emprendedor atopará no seu proxecto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com