O Concello do Incio falla o concurso de decoración de vivendas polo Nadal que contou cun total de 16 participantes de diferentes parroquias do municipio.
O xurado, que estivo formado por Begoña Otero Fernández, directora do C.E.I.P. Ricardo Gasset do Incio; Mª Elena Rodríguez Losada, monitora do obradoiro de emprego de Bóveda, O Incio e Brollón; e, Asier Maceda González, administrativo do Concello do Incio, destacou a boa resposta da veciñanza da localidade.
Así, o primeiro posto (na imaxe) foi para Luis López Arias, que será premiado con 150 euros; o segundo premio (100 euros) levouno Pilar López Vide, e o terceiro, cun total de 50 euros, foi repartido entre os dous gañadores: Silvia Macía Díaz e Manuel Veiga Veiga.
Este concurso consistía na decoración de vivendas, fachadas e balcóns polo Nadal, coa finalidade de promover e contribuír a crear un ambiente festivo no Concello nesta datas. Os participantes recibirán os seus premios nos vindeiros días.