A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá o convenio que permitirá a unión dos parques do Rato e do Miño, coa creación dunha nova zona verde paralela ao río, duns 600 metros de lonxitude. Esta colaboración interadministrativa queda recollida no acordo, que contempla a cesión dos terreos necesarios por parte do Concello, e por outra banda a redacción e execución do proxecto, por parte do Organismo de Conca, quen despois cederá a nova dotación á Administración local, quen se encargará do seu mantemento e conservación.
Optimizar a mobilidade na zona periurbana é un dos principais obxectivos do proxecto que recolle o convenio asinado esta mañá; un acordo que contempla, entre outras actuacións, mellorar a biodiversidade, crear unha barreira natural coa N-VI e habilitar unha nova senda de 600 metros de lonxitude. Esta nova dotación, que unirá os parques do Rato e do Miño, completará un gran cinto verde transitable, que na actualidade xa dispón de máis de 30 quilómetros de carreiros conectados paralelos ao río.