A área de Urbanismo do Concello de Lugo, trasladaba esta mañá á Xunta de Goberno a incoación dun expediente de orde de execución contra os propietarios dun inmoble da rúa Salvador de Madariaga no que, no pasado mes de abril resultaron feridos dous bombeiros cando acudían a sufocar un incendio.
O imperativo prodúcese despois de que os titulares da vivenda non atendesen os reiterados requerimentos da administración local nos que o Servizo de Arquitectura os instaba a mellorar as condicións nas que se atopa o edificio.
“Foi a Policía quen primeiramente cursou denuncia, no ano 2017, ante a situación de abandono que padecía a construción. Xa nese momento, os técnicos municipais sinalaban a necesidade de retirar canto antes o rótulo e bandeirola da fachada, de acometer a súa limpeza e a dos canlóns e baixantes así como de reparar as fendas, restaurar as carpinterías e repoñer os cristais, entre outras actuacións. Determinacións que, posteriormente se comprobou, non foron atendidas, e que agora se emiten pola vía coercitiva”, explicou Miguel Couto.
O concelleiro indicou que o estado de conservación da casa resulta tan lamentable que só posibilita dúas accións, “ou ben a súa rehabilitación integral ou a súa demolición. En calquera dos dous casos os donos deberán proceder a solicitar a correspondente licenza e, namentres, están obrigados a adoptar as medidas de seguridade necesarias para evitar danos na vía pública e nas edificacións lindeiras, debendo proceder, asemade, ao apontoamento e revisión do inmoble, co fin evitar desprendementos e ao peche adecuado do mesmo para impedir ocupacións”, concluíu o edil.