A Corporación Municipal lucense aprobou este xoves no Pleno Ordinario, malia a abstención do Partido Popular e Ciudadanos, a proposición do grupo municipal socialista, para que a Xunta de Galicia, a través do SERGAS, comece os trámites para que o uso do aparcadoiro do HULA sexa gratuíto para as 4.000 persoas que acuden a diario ao hospital.
Na sesión plenaria do pasado mes de marzo, no transcurso da defensa dunha proposición presentada polo Partido Popular referida á construcción dun estacionamento na contorna do Hula, aceptouse unha emenda para solicitar a gratuidade do aparcamento, reducindo, mentras tanto, nun 50% as tarifas actuais. O que se aprobou hoxe con esta iniciativa socialista é que se axilicen os prazos para levar a cabo estas actuacións, é dicir, que a Xunta de Galicia comece as negociacións coa empresa concesionaria para a paulatina reducción das tarifas ata chegar á súa gratuidade.
Deste xeito, “o Concello de Lugo dá un paso firme para acabar coa situación de agravio na que nos vemos sometidos todos e todas as lucenses, doentes, visitantes e profesionais que teñen que facer uso desta infraestrutura sanitaria. Faise xustiza cun pobo que tivo a xenerosidade de poñer á disposición pública os terreos para levar a cabo a construcción deste Hospital que, ata o de agora, tiña que pagar, en exceso, polo seu uso”, tal e como explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández.