O impulso para a modernización e adaptación ás necesidades do Concello de Lugo do cadro de persoal municipal no que a alcaldesa fixo especial fincapé a principios de mandato, traducirase na incorporación este mesmo ano de case o cen por cento do novo persoal das ofertas públicas de emprego dos anos 2015 e 2016, que xa están executadas, e dun avance significativo das dos anos 2017 e 2018, segundo informou hoxe a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos.
As OPEs dos 2015 e 2016, nas que se desenvolveron 58 prazas, suporán a incorporación de 29 novos empregados públicos e melloras de promoción interna para 22 traballadores. Ademais, hai sete persoas que consolidan emprego. Do total destas dúas OPE’s, o 34,4% corresponden a persoal vinculado coa protección da cidadanía, bombeiros e policías. “Este mesmo ano, coa incorporación de 12 novos bombeiros, a promoción do Sarxento e os novos interinos, e os 3 novos bombeiros da OPE do 2018, poderemos dicir que contaremos xa cun plantel dimensionado á nosa poboación”, sostivo a concelleira.
Respecto á Policía Local, dos anos 2015 e 2016 se executaron prazas de promoción interna para cubrir xefaturas, 1 inspector principal e 3 inspectores, así como 2 oficiais. Pero para poder cubrir as numerosas vacantes deste corpo de seguridade, moi mermado tras a xubilación anticipada dunha vintena de axentes a principios deste mesmo ano, nas OPEs do 2017 e 2018 están previstas 31 prazas para a policía, convocatoria da que se encarga a Academia Galega de Seguridade. “Onte mesmo, creouse o tribunal cualificador para catro prazas de policía, que o día 17 desta semana pasarán a primeira das probas”, sostivo a edil.
Ademais das forzas de protección á cidadanía, coas ofertas públicas executadas se reforzan as áreas de Educación, Servizos Sociais e Administración Xeral. Estas áreas, así como a de Urbanismo, Informática e Enxeñaría tamén se beneficiarán con novos reforzos das OPE’s do 2017 e 2018, nas que se incorporarán 65 novos empregados públicos, e se executarán máis dunha trintena de prazas de promoción interna.
Tras anos sen que se convocaran Ofertas Públicas de Emprego na administración local de Lugo, o Goberno de Lara Méndez convocou unha por ano desde o 2015 coas importantes restricións que fixaron as Leis Montoro do Goberno de Mariano Rajoy, sendo necesario, ademais, actualizar todos os temarios e pór en marcha todos os procesos, que avanzaron tamén con certa lentitude debido a que nos tribunais de selección estaban traballadores municipais e foi necesario manter o equilibrio entre a súa participación nos mesmos e o traballo diario.
Por iso, este ano déronse pasos tamén neste sentido, aclarou Paula Alvarellos. “Debido á elevada cantidade de procesos de selección de persoal que están en execución e que quedan por realizar, aprobamos as instrucións para o funcionamento e actuación dos Órganos de Selección do Concello, coas que, ademais de acelerar os procesos selectivos, estableceremos unhas pautas, uniformes e homoxéneas, en beneficio dunha maior seguridade xurídica dos aspirantes que concorren ás probas selectivas así como para fornecer as garantías de obxectividade, independencia e imparcialidade que deben presidir as actuación dos Tribunais”, sostivo.