O Concello fai entrega das chaves dos locais da Tinería aos emprendedores

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, fixeron entrega esta mañá das as chaves dos locais aos emprendedores que poñerán en marcha os seus negocios no viveiro de empresas a pé de rúa que o Concello creou no barrio co fin de contribuír a dinamizalo social e economicamente de maneira eficaz e controlada.

“Unha das preguntas que me adoitan facer é porque quero ser Alcaldesa, a resposta é que quero selo por días como este, no que conclúe un proceso que realmente é o inicio de outro, un proxecto que fai cidade co que apoiamos oito proxectos emprendedores que impulsarán o dinamismo dun barrio tan emblemático coma este”, subliñou Méndez.

Ao acto de entrega de chaves e sinatura dos contratos de aluguer dos locais co Concello acudiron Lourdes Pardo, responsable dos servizos xurídicos da CEL, e José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, entidades que formaron parte do comité de valoración das 18 ofertas presentadas ao viveiro, polo que a Alcaldesa lles agradeceu a colaboración “na difícil labor de seleccionar os mellores proxectos”.

Asistiron tamén representantes da Asociación de Empresarios da Tinería Itineris, para os que, xunto coa Asociación de Veciños, Comerciantes e Empresarios da Tinería, Lara Méndez tuvo tamén palabras de agradecemento polo “gran labor que están a facer para impulsar o barrio”.

A Alcaldesa agradeceu aos beneficiarios dos locais que “cresen neste proxecto”. Destacou a gran calidade dos proxectos que se poñerán en marcha, relacionados co sector turístico, moda, tecnoloxía, deporte, lecer e arte. Todos son “orixinais, moi traballados, comerciais, innovadores, moi acaídas aos usos que plantexamos e cunha alta capacidade de atraer ao barrio tanto a xente de Lugo, como de fóra”, asegurou Méndez, ademais de recalcar que a gran maioría son impulsados por mulleres (5 de 8), ao igual que ocorre con outras iniciativas que ten en marcha o Concello, como o plan Inicia Coworking.

Coa entrega de chaves e a sinatura de contratos, os emprendedores e emprendedoras poden iniciar as obras de acondicionamento dos locais. Como teñen un prazo máximo de catro meses para abrir os negocios, a primeiros de ano o viveiro de empresas da Tinería estará en marcha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com