O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, achegouse este martes ata o paseo do río Miño, onde o Concello está a realizar estudos de batimetría no seu cauce, para determinar as posibles localizacións idóneas como zona de baño pública, “na que veciños e veciñas de Lugo e toda a cidadanía gocen dun lugar de lecer na cidade”.
Tal e como avanzou Piñeiro, eses estudos consisten na medición da profundidade do río. O Concello realiza varias medicións, entre elas a zona do caneiro do Vilar e a zona situada detrás dun dos parques infantís deste paseo, o do máis próximo á pasarela. Segundo o concelleiro, esta zona conta coa profundidade adecuada e un acceso sinxelo, polo que cobra forza como emprazamento dunha futura zona de baño pública.
Para estas tarefas, ás que o Concello destina uns 10.000 euros, empregouse unha ecosonda conectada a un receptor GPS fotográfico. Deste xeito, coa navegación dunha embarcación polo río, tanto de xeito lonxitudinal como transversal, a ecosonda e o GPS realizaban medicións de xeito continuado.
“Como sempre dixemos, Lugo vai ter zona de baño pública, e este é un paso previo”, tal e como asegurou o edil, posto que “deste xeito analízase cal é a zona máis axeitada, para que teña o mínimo impacto sobre o río, ademais de dispoñer dun acceso doado á mesma e que, polo tanto, se poida empregar por todos os veciños e veciñas”.