O Concello fala de récord no número de visitantes no 2015 e o PP considera os datos “inflados”

O goberno local fixo público hoxe un balance con datos indicativos da evolución turística da cidade no 2015. Unha das cifras foi a do número de persoas que pasaron no ano pasado pola Oficina de Turismo, que ascendeu a máis de 40.600 visitantes, un 5% máis que no 2014, segundo informaron dende o consistorio. Desta maneira, a edil de Turismo, Carme Basadre, fala de “novo récord”, xa que o ano pasado se atendeu na oficina da Praza do Campo a 2.000 visitantes máis que no ano anterior.

Un incremento que se produce tanto entre os visitantes españois (máis de 33.900) como nos estranxeiros (preto de 6.800). No que respecta ao turismo nacional, os madrileños continúan á cabeza, representando un 18% dos visitantes españois, seguidos dos procedentes de Castela e León (3.848) e Cataluña (3.473). No que atinxe aos turistas estranxeiros, 905 procedían de Francia, 769 de Alemaña, 634 de Italia, 524 de Portugal e 503 de Estados Unidos.

O Concello tamén achegou datos sobre o número de usuarios dos museos de xestión municipal, que recibiron máis de 31.300 visitas. A Domus do Mitreo foi a máis visitada, (10.200 persoas), seguida da Casa dos Mosaicos (9.800), e o Museo Interactivo da Historia de Lugo (8.500). Deste xeito, para a edil de Turismo, Carme Basadre, “Lugo se consolida como destino turístico cultural ao ofrecer unha oferta interesante para os visitantes”.

Inverosímiles

Sen embargo, o grupo municipal popular acusa ao goberno municipal de “inflar” as cifras, que resultan “inverosímiles” tal e como as cualificou a edil Encarna Amigo. Para os populares o executivo local confunde “o seu desexo dun boom turístico, coa realidade de que sigamos sendo simplemente unha cidade de paso, pero non de pernocta”.

Amigo destaca que os datos presentados hoxe aos medios certifican o “absoluto fracaso” do MIHL, o Museo Interactivo da Historia de Lugo, que despois “dun investimento de máis de 10 millóns de euros só recibiu unha media de 23 visitantes ao día” ao longo do ano pasado, sempre lembrando que “se trata de cifras seguramente infladas”. A edil asegura que xa pasaron tres anos da súa apertura e que a instalación “non arrinca”, e prognostica que seguirá sen facelo pola ausencia de “contidos atractivos”.

Do mesmo xeito, Encarna Amigo insiste na “necesidade” de elaborar unha “estratexia global e integral que dea resposta aos desafíos turísticos”, e engade que non se entende a falta dun plan específico para potenciar Lugo como un destino con tres elementos declarados Patrimonio da Humanidade.

Ademais, a edil popular anunciou que pedirá o acceso ás estatísticas e preguntará ao grupo de goberno polos mecanismos seguidos para obter os datos “tendo en conta que non se cobra entrada nin existen controis de acceso nos museos”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com