O Concello de Lugo facilitará, por primeira vez, os autobuses nocturnos gratuítos ao longo dos días máis sinalados do San Froilán 2018. Concretamente serán os días 4, 5, 6, 7, 11 e 12 de outubro, a partir das 22:30 horas, as liñas especiais 3A, 4, 6, 7A, 3AE, 4E, 5E, 6E.
Asemade, no marco da campaña municipal contra o acoso sexual, nas mesmas liñas de bus, entre paradas, poderán acceder e baixar mulleres, ou aquelas persoas que se sintan acosadas, violentadas ou crean que exista algún perigo para a súa persoa; para deixalas preto das súas casas ou sitios que prefiran, sen que isto signifique desvío da ruta asignada.
Tal e como explicou a titular de cultura, o Goberno de Lugo adopta esta medida co obxecto de favorecer o lecer nocturno e de facelo dun xeito seguro.
No relacionado contra a violencia machista, o Concello instalará un Punto Violeta na rúa Anxo López Pérez coa esquina Praza Horta do Seminario, con horario, os días 4 e 11 de outubro, de 22:00 a 02:00 horas, e os días 5, 6, 7 e 12 de outubro, de 12:00 a 02:00 horas. Haberá en todo momento do horario de apertura persoal profesional de atención e persoal voluntario polo recinto feiral e o centro de Lugo informando e sensibilizando. Este punto súmase aos espazos seguros na contorna do feiral, na Oficina Municipal de Turismo e do Concello.
Os catro aparcamentos disuasorios do San Froilán, contemplados no Plan de Tráfico e Mobilidade deseñado polo Concello con motivo das patronais, teñen capacidade para máis de 5.000 vehículos, segundo as estimacións da Policía Local, e estarán comunicadas co centro da cidade por bus urbano a través de dúas liñas especiais nos días e horas de maior afluencia de público. Estas zonas están nas inmediacións das principais vías de acceso á cidade: dúas na
rúa Campos Novos, unha nas Termas e outra en San Fiz.
Centros de Convivencia
Os centros de convivencia da cidade tamén terán horarios especiais durante as festas. Así os días 8, 9, 10 e 11 de outubro, o horario dos centros de convivencia será de 9:00 horas a 14:00 e polas tardes pechará unha hora antes do que o fai habitualmente. Excepto os Centros de Convivencia Leiras Pulpeiro ( 11:00-13:00 e 16:30-20:00), María Balteira (09:00-14:00 e 16:00-19:30) e o Díaz Castro (09:00-14:00 e 17:00-20:00).
Os días festivos, 5 e 12 de outubro, os centros permanecerán pechados todos agás o da Milagrosa que permanecerá aberto de 17.30 a 21.00 horas.