O Concello habilita máis de 3M€ para axudas municipais pola recuperación económica

“O 2021 debe ser o ano da recuperación”. Un obxectivo clave para o goberno de Lara Méndez e no que o Concello leva traballando dende o minuto un da pandemia.

“Dende a declaración do Estado de Alarma, levamos sumando esforzos para arroupar ao sectores produtivos do municipio, coa finalidade de manter os postos de traballo e a estabilidade salarial das familias, pero tamén para tecer, xa dende o inicio, a rede que nos permita non só superar a crise social e económica que derivou da sanitaria senón saír fornecidos dela na etapa, tamén moi complexa, que se nos aveciña”, afirmou a rexedora.

Na procura desa meta, o executivo local está a articular medidas de dinamización e diversificación financeira da man da Estratexia Lugo Transforma, pero tamén a través de diferentes accións para impulsar o emprendemento e incluso con plans de formación para persoas en Erte, desempregadas e mesmo dirixidos especificamente á xuventude.

Todo iso, sen desatender outro dos eixes vertebrais da administración como é brindar apoio aos colectivos e asociacións locais para que poidan continuar desenvolvendo o seu labor, solidario e sempre complementario das prestacións municipais, co fin de ampliar así o alcance das nosas políticas”, sinalou Lara Méndez.

Deste xeito, a alcaldesa deu a coñecer que a Xunta de Goberno Local validou esta semana a actualización da anualidade de 2021 prevista no Plan Estratéxico de Subvencións.

Un documento que Méndez cualificou de “ferramenta indispensable” para fomentar, promover e potenciar a participación da sociedade civil nos distintos ámbitos de xestión que son de interese xeral. “E que, dende que entrou en vigor está a servir tamén para darlle maior axilidade á xestión e pago das axudas”.

Dotado neste exercicio con 3.095.950 euros, este Plan representa a razón de ser do conxunto da actividade subvencional do Concello e persegue servir de guía para mellorar e racionalizar a súa tramitación mediante a valoración de aspectos de transversalidade, eficacia e eficiencia das diferentes liñas de axuda facendo, á súa vez, especial fincapé na fiscalización posterior á concesión das mesmas.

“Cómpre subliñar que neste 2021 concentra ao redor do 3 % do orzamento total municipal, o que pon de manifesto a importancia que ten para nós o papel que exercen todas estas entidades”, subliñou Lara Méndez.

A alcaldesa explicou que máis dun terzo da partida (1.060.000 €) se destinou ás axudas directas enmarcadas no II Plan de Recuperación Económica do Municipio que se esgotaron en apenas 27 horas. “Ás que cómpre sumar outros 60.000 € que se convocarán para desenvolver actividades de promoción económica”, indicou a rexedora ao tempo que lembrou que o executivo investirá, a maiores, 1’4 millóns máis na dinamización comercial dos barrios.

Outras das cantidades ás que fixo referencia a rexedora son os 727.491 € dos que disporá a área de Benestar para cooperar coas asociacións e ofrecer achegas directas para o aluguer de vivenda ou a emerxencia social, dentro dos que tamén se inclúen unha contía de 4.000 euros para colaborar con Cáritas e outra de 6.000 € para o Banco de Alimentos.

Lara Méndez quixo destacar, así mesmo, as aportacións dirixidas a fomentar a práctica do deporte base (305.000 €) e a contribuír na defensa do benestar animal, que neste caso alcanzan os 215.000 € e se canalizan a través dos convenios que o Concello mantén coa Protectora de Animais e a Asociación Michos Lugo. Pola súa banda Cultura e Turismo (133.800 €), Participación Cidadá (64.500 €) e Educación (40.000 €) disporán en total de 238.000 €.

“Porque nestes momentos tan complexos a nosa vocación e razón de ser é a de tender a man alí onde poidamos suplir algunha necesidade”, concluíu a alcaldesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com