O Concello implica a alumnos do IES Lucus Augusti no desenvolvemento sostible

A alcaldesa de Lugo xunto ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, inaugurou hoxe a xornada divulgativa que o Concello organizou no IES Lucus Augusti sobre o programa Lugo+Biodinámico, que, financiado con fondos europeos Life, ten como obxectivo desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, introducindo mesmo un novo modelo productivo a través do uso da madeira como elemento estrutural de construción. Con esta actividade, a entidade local sumouse á conmemoración da Semana Verde Europea, na que tomaron parte 48 localidades de toda España, e que ten como finalidade difundir entre a cidadanía como os fondos europeos contribúen a facer máis verdes as cidades.

Deste xeito, coa xornada celebrada hoxe no Lucus Augusti, explicou a rexedora, o Concello buscou implicar aos rapaces e rapazas na necesidade de impulsar un desenvolvemento sostible nas cidades porque o medio ambiente “é un patrimonio inmaterial, dos que mellores que temos, e que debemos deixar ás xeracións futuras”.

“Que mellor que facelo nun centro educativo, como o Lucus Augusti, un centro de referencia na cidade e o máis antigo de toda Galicia”, asegurou a alcaldesa. Tras a exposición de responsables da execución do plan Lugo+Biodinámico, que lidera o Concello e no que colaboran como socios a Deputación de Lugo e as universidades de Santiago e a Politécnica de Madrid, os rapaces e rapazas participantes, un centenar de 4º de ESO e 1º de BAC, participaron nun debate no que fixeron consultas sobre o proxecto e sobre o desenvolvemento sostible en xeral.

Entre outras actuacións, grazas a este programa europeo, o Concello está a crear un novo pulmón verde urbano coa plantación de 15.000 árbores de 60 especies distintas en 14 hectáreas de terreos públicos na zona das Gándaras. Ademais, ao abeiro do Lugo+Biodinámico construirá o primeiro edificio público da cidade que se abasteza integramente de enerxía sostible.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com