As persoas usuarias do HULA teñen dende hoxe unha opción máis, e gratuíta, para aparcar os seus vehículos. A Alcaldesa de Lugo inaugurou esta mañá o novo aparcadoiro municipal do Concello, un recinto situado a carón das instalacións sanitarias, con capacidade para 363 automóbiles; no que o Goberno investiu 119.000 euros. O Voceiro Municipal, Miguel Fernández, o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, xunto a numerosos veciños da localidade participaron nesta apertura.
Durante o acto, a Alcaldesa explicou que o Goberno abre este espazo, 5 meses despois da súa licitación, reconvertido nun novo equipamento de uso social. Os novos equipamentos, como este aparcadoiro, “permítenos seguir avanzando no modelo de cidade que queremos”, explicou a rexedora.
A rexedora aproveitou a apertura deste aparcadoiro para instar á Xunta de Galicia a rebaixar as “elevadas tarifas do parking privado”, lembrando que existe un acordo plenario unánime ao respecto. Nesta liña, a alcaldesa demandoulle á administración autonómica prazas públicas “entendendo que a xente ao HULA vén por necesidade”.
Continuando coa mellora da zona do Hula, a rexedora anunciou que, ante a apertura deste novo aparcadoiro público, intensificarase a vixilancia da Policía Local na contorna, cun operativo diario nos primeiros meses, co obxectivo de disuadir a presenza dos denominados ‘gorrillas’. Ademais, avanzou que se traballa na elaboración dun bando para tentar paliar esta situación, para que a xente poida facer uso e disfrute destas prazas públicas sen acometerse procedementos ilícitos por parte dos aparcacoches.