O Concello de Lugo vén de incrementar as medidas de aforro de auga. Unha decisión que o Executivo adopta de xeito preventivo debido ás circunstancias actuais, malia que na capital, nestes momentos, non existe unha situación de prealerta ou alerta de seca.
Así, o concelleiro de Medio Ambiente explicou que dende esta área se incidirá directamente na cantidade de auga empregada para proceder ao baldeo das rúas e á rega das zonas verdes.
“Deste xeito, pasaremos a empregar un 30% menos de auga para a conservación dos espazos axardinados, priorizando os máis sensibles e aqueles que teñen plantada flor de tempada, unha cantidade que pode diminuír aínda até o 60 e mesmo o 90% se a Confederación Hidrográfica determinase un empeoramento da seca”, indicou o edil.
En canto á limpeza viaria, Miguel Fernández sinalou que, anualmente, este servizo destina a esa función un volume de 26.950’5 m³ – que obedece a unha media de 2.245’88 m³ ao mes – e que durante o verán mingua nun 20%, até os 1.797’32 m³ mensuais.
“Dadas as circunstancias, esta redución do baldeo na contorna urbana chegará ata o 50%, o que suporá a utilización de arredor de 1.122’94 m³ de auga para esta tarefa cada mes, aínda que no caso de agravarse a situación se baixará ao 75% en prealerta, ao 90% en alerta ou mesmo se eliminará se así o considera necesario a CHMS”, referiu o responsable de Medio Ambiente.
O edil especificou que coas reducións plantexadas, o servizo pasará a desempeñarse nas calzadas cun baldeo mecánico e dous mixtos (este último inclúe alén un barrido manual básico), de luns a sábado pero agora en días alternos.
Mentres que se mantén a hixiene diaria de beirarrúas e prazas de luns a domingo, cunha hidrolimipadora, en vez de con dúas.